A “avoa de Oia”, Purificación Granja, cumpre 103 anos

Purificación Granja, a muller máis lonxeva de Oia, cumpre este mércores 103 anos, un aniversario que festexa cunha saúde envexable e rodeada dos seus seres queridos.

Aínda que hoxe é un día especial que mereceu un brinde cun pouco de sidra, a “avoa de Oia” non perdoou a súa cita diaria cun dos seus labores favoritos: o ganchillo. Pese a estar de celebración, despois da comida coa familia colleu as agullas e púxose coa tarefa.

A alcaldesa de Oia en funcións, Cristina Correa, visitou esta mañá a Purificación xunto á concelleira en funcións Carmen María Estévez para felicitar persoalmente á lonxeva veciña.

Ambas representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e dunha torta, a fin de transmitirlle o agarimo do conxunto da veciñanza de Oia. Coma sempre, Purificación Granja recibiu ás súas visitas cun sorriso e facendo gala do seu característico bo ánimo.