A Banda de Música de Mougás protagoniza un libro no seu 140 aniversario

Un libro repasa os 140 anos de historia da Unión Musical de Mougás, formación fundada no ano 1880 na antedita parroquia oiense e que, ao longo de todo este tempo, tense consolidado como un referente entre as bandas musicais da bisbarra.

O Concello de Oia edita esta publicación, obra dos historiadores Xoán Martínez Tamuxe e Juan Ramón Tamuxe, baixo o título Historia da Centenaria Banda Unión Musical de Mougás (Oia). A obra recolle datos sobre a parroquia e a súa historia e patrimonio, así como un detallado estudo sobre a formación musical, os seus directores e principais actividades, desde a súa fundación ata os nosos días.

Para a realización da obra, a Deputación de Pontevedra concedeulle á Administración local unha axuda por importe de 5.000 euros, ao abeiro das subvencións dirixidas aos concellos para as actividades de dinamización da lingua galega do ano 2020. A achega municipal é de 445 euros.

Segundo explica a alcaldesa, Cristina Correa, ao longo do presente exercicio o Concello de Oia ampliará esta edición inicial, aumentándose así o número de exemplares para poñelos a disposición do público.