A Cruz de Lampedusa visita Oia na súa peregrinación pola Diocese Tui-Vigo

Esta cruz símbolo das persoas migrantes poderá contemplarse mañá na igrexa parroquial de Santa María de Oia

A Cruz de Lampedusa, así chamada por estar construída con restos de embarcacións de migrantes naufragados nesa illa do Mediterráneo, visitará Oia este martes dentro da peregrinación pola Diocese de Tui-Vigo que está a desenvolver durante os meses de marzo e abril. 

O paso polo municipio enmárcase na iniciativa “Viaxe da Cruz de Lampedusa”, que busca transmitir unha mensaxe de solidariedade e paz entre as cidades, comunidades, parroquias e culturas.

A cruz chegará mañá martes. Ás 12.00 daráselle acollida cunha oración na igrexa parroquial de Santa María de Oia e o templo quedará aberto permanentemente desde esa hora para a xente que queira achegarse a orar ante ela ou contemplala. 

Posteriormente, ás 17.00 horas haberá unha oración ante a cruz e a continuación celebrarase a misa das 18.00 horas, na que se pedirá especialmente por todos os emigrantes, persoas enfermas e por todos aqueles que están a pasar por algún momento de cruz na súa vida.

Historia da Cruz de Lampedusa

O 18 de xullo de 2013 o Papa Francisco realizou a súa primeira viaxe apostólica, para a que escolleu a illa italiana de Lampedusa. Nesa ocasión, o Pontífice celebrou a Santa Misa nun altar construído sobre un caiuco naufragado, tendo ante os seus ollos un Mar Mediterráneo que ía camiño de se converter nun cemiterio de migrantes.

O 3 de outubro dese mesmo ano produciuse un novo naufraxio fronte ás costas desa illa, un tráxico suceso no que faleceron máis de 360 persoas. Ante estes feitos o Papa clamou de novo ante o mundo: “Vergoña! Só me ven a palabra vergoña, é unha vergoña”, lamentaba naquel momento.

Neste contexto de traxedia humanitaria, o artista Franco Tuccio construíu a que agora coñecemos como a Cruz de Lampedusa: unha estrutura de 2,6 metros de longo e 1,5 metros de ancho feita cos restos de barcas naufragadas na illa italiana.

A cruz foi levada a Roma o 9 de abril de 2014 para ser bendita polo Papa, quen suxeriu que se convertese nunha cruz peregrina que levase unha mensaxe de solidariedade a todo o mundo. Desde entón, ten viaxado a numerosos puntos coa súa mensaxe de paz e solidariedade.

Esta “Viaxe da Cruz de Lampedusa” está promovida pola fundación “Casa do Espírito e das Artes” a cal, desde hai anos, traballa en Milán nos eidos da cultura, a música e as artes como instrumentos de servizo aos estratos máis febles da poboación, en particular dos nenos e nenas e da mocidade que vive en situacións de grave dificultade social. 

A “Croce di Lampedusa” –segundo o seu nome en italiano- está confiada a un relevo espontáneo que xa a ten acompañado en máis de 2.400 lugares de culto en Europa e en todo o mundo, incluídas igrexas e santuarios. 

Debido á crise do coronavirus a súa peregrinación atopábase interrompida para evitar reunións con moita xente, permanecendo na parroquia dos Padres Trinitarios de Alxeciras, os cales xestionan un centro de acollida para persoas excluídas, a maioría migrantes. Actualmente atópase de viaxe pola Diocese de Tui-Vigo, peregrinación que inclúe a parada prevista en Oia.