A Xunta analiza cos concellos do Baixo Miño o Plan de Transporte público

O Plan suporá a extensión das vantaxes da Tarxeta Metropolitana aos concellos desta comarca, ademais da Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 19 anos poderán viaxar gratis

O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia de Pontevedra, José Luís Díez Yáñez, mantivo hoxe un encontro coa Alcaldesa do Concello de Oia, Cristina Correa, e cos alcaldes que forman parte da Mancomunidade do Baixo Miño, para abordar o Plan de transporte público de Galicia, que mellorará substancialmente as conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro e a Universidade de Vigo.

A Alcaldesa de Oia lle anticipou as alegacións que o Concello presentará antes de rematar o prazo de audiencia pública. O representante do Goberno galego escoitou as achegas dos rexedores de Oia, o Rosal, A Guarda, Tomiño e Tui, aos que lles trasladou que serán avaliadas para atendelas do mellor xeito posible.

O Plan de transporte público non só reforzará os servizos aos cidadáns, senón que tamén suporá a extensión das vantaxes da Tarxeta Metropolitana aos concellos do Baixo Miño, ademais da Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 19 anos poderán viaxar gratis.

Por outra parte, O Concello de Oia informa que no referente ao transporte: ao instituto de Baiona ou A Guarda; ciclos medios e  superiores; no Orzamento 2019, aprobado inicialmente no primeiro Pleno ordinario celebrado no mes de xullo, se contemplou unha axuda de catro mil euros, que se explicará aos pais/nais no mes de setembro, cando se teña o dato do número definitivo de alumnos/as  matriculados/as.