A aula de novas tecnoloxías do Concello de Oia, situada no local da antiga biblioteca nos baixos do edificio consistorial, vén de sumarse ao programa “Aula Mentor” a través dun convenio co Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Aquí podes descargarte o folleto informativo: DIPTICO AULA MENTOR OIA

En que consiste o programa Aula Mentor?

Aula Mentor é unha iniciativa de formación a distancia non regrada e flexible que permite acceder a cursos online con acompañamento a través de titorías telemáticas personalizas. Ademais, na aula haberá unha persoa administradora que tamén prestará apoio de xeito presencial.

Estes cursos permiten ampliar competencias persoais e profesionais con vistas a reforzar as posibilidades de empregabilidade.

O programa conta cunha ampla oferta de cursos referenciados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Deste xeito, existe a posibilidade de acumular e capitalizar aprendizaxes que son susceptibles de recoñecemento na educación regrada a través dos procedementos de avaliación e acreditación de competencias.

A quen vai dirixido?

O programa Aula Mentor va dirixido a persoas adultas interesadas en mellorar ou ampliar as súas competencias persoais e profesionais co obxectivo de reforzar as súas posibilidades de empregabilidade. Non hai que cumprir ningún requisito previo para acceder á formación.

Como se desenvolve a formación?

O proceso é o seguinte: unha vez seleccionado o curso que queres facer, a persoa administradora da aula prestarate axuda durante o proceso de matriculación. A partir dese momento poderás comezar coa túa formación a distancia, facendo uso dos equipamentos da Aula Mentor de Oia ou ben desde a túa casa.

Unha vez rematado o curso, no que contarás con titorías personalizadas, deberás superar unha proba final. E, coa proba superada, recibirás o correspondente certificado asinado polo Ministerio.

Os cursos teñen unha duración aproximada de dous ou tres meses. Porén, ao tratarse dunha formación flexible, depende da dedicación que lle prestes.

Que tipo de formación podo cursar?

O catálogo formativo componse de máis de 200 cursos modulares, orientados tanto á mellora das competencias básicas e a promoción da aprendizaxe ao longo da vida como tamén cursos referenciados ao Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais.

Todos estes cursos están organizados en áreas formativas e profesionais, tales como:  idiomas, dixitalización, orientación, emprendemento, administración e xestión, agraria, deseño e artes gráficas, comercio e márketing, electricidade e electrónica, hostalería e turismo, imaxe persoal, imaxe e son ,industrias alimentarias, informática e telecomunicacións, madeira e moble, sanidade, seguridade e medio ambiente, servicios socioculturais e á comunidade, téxtil e confección, vidro e cerámica, competencias básicas non profesionais, etc.

Podes acceder á oferta de cursos nesta ligazón.

A matrícula ten algún custo?

Cada curso ten un custo de 48 euros iniciais polos dous primeiros meses de matrícula. Posteriormente, se así o precisas, podes facer recargas mensuais das túas necesidades e dispoñibilidade para rematar o curso.

Podes informarte sobre o proceso de matrícula así como os dereitos e deberes do alumnado na seguinte ligazón.

Tes máis dúbidas sobre a Aula Mentor?

Se queres consultar algunha cousa máis sobre o programa podes visitar o apartado de preguntas e respostas frecuentes ou a páxina xeral de Aula Mentor.

Se tes algunha cuestión especifica sobre o programa ou sobre a aula de Oia, podes consultarllo á administradora no seguinte contacto:

Teléfono: 986 36 21 25 ext.3

Email: oia@aulamentor.es

Pin It on Pinterest