Axudas para a posta en marcha de casas do maior

Serán subvencionables gastos de reforma e adaptación de inmobles e a prestación de atención individualizada

A Xunta de Galicia convoca axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores.

Cada casa do maior poderá ter ata un máximo de 5 prazas.

BENEFICIARIOS

Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa do maior as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

-Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen na orde  (medicina, enfermería, técnico en coidados auxiliares de enfermería, certificado de profesionalidade de axuda a domicilio ou en institucións sociais, etc..)

Residir en concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, no que se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha da experiencia piloto. (Oia é un deles)

-Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

-Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

– Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos.

ACCIÓNS E GASTOS SUBVENCIONABLES

– A reforma e adaptación do inmoble destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material.

A axuda para gastos de investimento pode alcanzar o 100% do gasto elixible, cun máximo de 15.000 euros por casa do maior.

– A prestación da atención individualizada dos maiores de 60 anos en situación de dependencia graos I e II, e das persoas sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal.

A axuda para o desenvolvemento do proxecto consistirá nunha achega económica de 19.600 euros/ano, que se incrementará en 5 euros/persoa e día no caso de que os promotores decidan asumir o desprazamento das persoas usuarias.

MÁIS INFORMACIÓN

Para máis información sobre estas axudas, podes consultar o DOG do 31 de marzo na seguinte ligazón:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210331/AnuncioG0425-230321-0001_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS212A