Boa acollida do servizo de comunicación de incidencias a través do móbil

A plataforma Línea Verde está a ter unha boa acollida por parte da veciñanza de Oia, que desde finais do pasado ano pode empregar este servizo para comunicar incidencias ao Concello directamente a través do móbil.

Segundo os datos recompilados polo propio servizo Línea Verde, as incidencias que máis se teñen comunicado son as relativas a alumeado, seguidas das de beirarrúas e calzadas, as relacionadas coa vespa velutina (avespa asiática) e cos animais abandonados.

O Concello de Oia amósase satisfeito dos resultados que se están a obter e quere agradecer a participación cidadá, a cal amosa a implicación e interese da veciñanza polo seu municipio.

App gratuíta

A app Línea Verde é un sistema co que a veciñanza pode comunicar directamente desde o seu teléfono móbil as incidencias e danos no equipamento urbano da localidade.

Esta ferramenta de participación cidadá ofrece un servizo rápido e sinxelo de usar que, ao mesmo tempo, permite ao Concello coñecer as necesidades que existen no municipio e poder dar unha resposta o máis áxil posible.

Para empregar Línea Verde cómpre descargar a aplicación (gratis) no móbil ou tablet: a través de Google Play para dispositivos con sistema Android ou da APP Store para dispositivos con tecnoloxía iOS.

Unha vez instalada a aplicación, a persoa usuaria deberá seleccionar o municipio de Oia, elixir “nova incidencia” e indicar que tipo de incidencia é entre as opcións que se presentan. De xeito automático, a aplicación detectará as coordenadas exactas do lugar no que se atopa o problema.

O seguintes pasos consisten en incluír unha fotografía e unha observación sobre a incidencia. Finalmente, o proceso quedará rematado pulsando a opción “enviar”.

Unha vez enviada a incidencia, o persoal do Concello recibirá a notificación e comezará os trámites para solucionala. Cada vez que se produza un cambio no estado da incidencia, o cidadán recibirá a correspondente notificación.

A través desta aplicación o usuario tamén poderá facer calquera consulta medioambiental e, nun prazo máximo de 24 horas, terá unha resposta por parte dun equipo de expertos.