“Camiño A Dentro” en Oia: mulleres artistas para pór en valor o Camiño Portugués

A Xunta e a Deputación de Pontevedra lanzan 'Camiño A Dentro': dez accións de mulleres artistas para pór en valor o Camiño Portugués. O proxecto, enmarcado en ‘O teu Xacobeo’, desenvolverase en dez concellos polos que pasa a ruta interior e a da costa e inclúe desde teatro, poesía e música a instalacións artísticas, videocreacións, ilustración e fotografía.

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra desenvolverán nos meses de outubro e novembro Camiño A Dentro, un novidoso proxecto cultural con dez accións artísticas en distintos concellos da provincia polos que pasa o Camiño Portugués ou o Camiño Portugués da Costa. Todos os eventos correrán a cargo de mulleres artistas de recoñecida traxectoria e inclúen desde música en vivo, poesía e teatro a instalacións artísticas, videocreacións, ilustración e fotografía. Os actos desta iniciativa, desenvolvida a través de Turismo Rías Baixas e enmarcada no programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia, empezarán en Baiona o día 3 de outubro e rematarán o día 25 en Soutomaior. No mes de novembro terá lugar a presentación do catálogo do proxecto.

Camiño A Dentro ten como obxectivo pór en valor o Camiño desde unha perspectiva cultural contemporánea, recoñecer o labor das mulleres artistas e propiciar o encontro coa comunidade local e os peregrinos e peregrinas. O programa arranca nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona o día 3 e continuará nos días seguintes sucesivamente en Redondela, Caldas de Reis, O Porriño, Oia, A Guarda, Pontevedra, Nigrán, Tui e Soutomaior.

O proxecto conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. A iniciativa está comisariada por Paula Cabaleiro, coordinadora tamén do programa Mulleres en Acción.Violencia Zero da Deputación de Pontevedra. (As imaxes e a información sobre as artistas, accións, datas e lugares están dispoñibles nesta ligazón).

O Camiño Portugués é a segunda Ruta Xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinos e peregrinas en 2018 e en aumento constante nos últimos anos. O Camiño da Costa, que cruza todo o litoral desde A Guarda deica Redondela, tamén rexistra un progresivo incremento de peregrinos e peregrinas, con 13.638 en 2018. Así, as dúas rutas vencelladas ao país veciño superan as 81.500 persoas ao ano en tránsito pertencentes a un grande abano de nacionalidades.

Acción en Oia

A artista María Meijide nos deleitará coa súa pintura e ilustracións na Praza Centinela e inmediacións do Mosteiro de Oia, o venres 11 de outubro ás 18.00 h.

 

Pin It on Pinterest

Share This