Dentro das múltiples opcións que o peregrino ten para chegar a Compostela está o Camiño da Costa, que pasa por Oia. A hospitalidade do Mosteiro e das xentes do lugar foi coñecida ao longo da historia, de aí que este itinerario tamén sexa tamén coñecido como Camiño Monacal.

Entre outras mostras da tradición xacobea en Oia, na propia igrexa do Mosteiro pódense observar dúas representacións de cunchas de vieira, o símbolo dos peregrinos. Unha delas atópase nun dos retablos barrocos do templo, mentres que a outra, esculpida en pedra, sitúase na bóveda do coro.

Aínda que esta ruta de peregrinación existe desde hai séculos, o Camiño Portugués da Costa foi recoñecido oficialmente pola Xunta de Galicia no ano 2016.

O CAMIÑO DA COSTA EN OIA

O Camiño da Costa comeza en Portugal para entrar en terras galegas polo municipio da Guarda. Tras atravesar o litoral dos concellos do Rosal e Baiona, chega a Vigo e continúa por Redondela onde enlaza co Camiño Portugués.

Con 18 km de litoral atlántico, o concello de Oia é unha das paradas imprescindibles do Camiño da Costa. Dúas das etapas de este itinerario xacobeo pasan polo municipio, concretamente as de A Guarda-Oia (16,5 km) e Oia-Baiona (17,8 km).

O camiñante que para en Oia descubre un lugar onde relaxarse, coñecer a súa antiquísima historia, degustar a gastronomía local, e descansar nalgunha das variadas opcións de aloxamento que ofrece.

PATRIMONIO CULTURAL E NATURAL NO CAMIÑO POLA COSTA

Ao longo do seu percorrido por Oia, o peregrino camiña sempre próximo ao mar, gozando das vistas ao océano Atlántico e atopando ao seu paso numerosos atractivos do patrimonio cultural e natural do municipio. Algúns deles son:

1.-Capela de San Sebastián

Pouco antes de chegar ao núcleo de vivendas do Arrabal está a Capela de San Sebastián. O pequeno templo, restaurado a finais do século pasado, custodia unha imaxe do santo que ata o século XVIII estivera situada nunha ermida da Portela, en Burgueira.

2.-O Arrabal

O Arrabal é o barrio nado ao abeiro do Mosteiro de Santa María de Oia. Paseando polas súas estreitas rúas pódense contemplar elementos da arquitectura popular como casas de patín, lugares de toponimia reveladora como é o caso da Picota e diversas edificacións históricas.

Entre outros elementos de valor patrimonial destacan o cruceiro da Praza da Centinela (s.XVIII), a antiga Casa do Concello (hoxe Oficina de Turismo) e a única lápida coñecida dun abade do Mosteiro (s. XIII), reempregada como lintel na porta dunha pequena construción.

Coa marea baixa desde a Praza da Centinela tamén se poden observar os restos da Camboa, un muro pétreo que funcionaba a modo de pesqueira e que se atopa no mar, xusto fronte ao Mosteiro.

3.-Mosteiro de Santa María de Oia e igrexa monacal

Esta xoia arquitectónica, único mosteiro cisterciense de Europa situado á beira do Mar, é o emblema do municipio e está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).

Fundado no século XII baixo a tutela do rei Afonso VII de Castela, ao longo dos seus 600 anos de vida monacal (ata a Desamortización de Mendizábal en 1835) , o Mosteiro de Oia foi rexido por 140 abades. Na actualidade, o mosteiro é propiedade privada.

Pola súa parte, a igrexa funciona como parroquial desde 1838.

4.- A Estrada Vella, a Casa da Culpa e as Orelludas

Unha vez abandonado o núcleo do Arrabal e o Mosteiro, o peregrino continuará a marcha pola coñecida como Estrada Vella, sempre preto da beira do mar e repleta de pequenas praias de cantos. En terras de Pedornes, nunha beira do camiño aínda se distinguen os restos da coñecida como a Casa da Culpa, que resisten en pé a pesares do paso do tempo.

Esta edificación leva o citado nome pola inscrición que aínda hoxe se pode ler sobre a entrada: CASA DE LA CULPA AÑO DE 1816.

Continuando o camiño chegaremos ata un puntal fronte ao que destacan dúas grandes rochas que emerxen do mar: as Orelludas. Conta a historia que uns labregos que andaban ao argazo atoparon nesta zona unha talla da Virxe do Mar a finais do século XVI.

5.- Porto de Mougás

Tras percorrer as parroquias de Pedornes e Viladesuso, o peregrino chegará ao barrio do Porto de Mougás, unha pequena enseada que moitos afeccionados ao surf elixen pola calidade das súas ondas.

Sen saír do Porto, no lugar do Aguncheiro aínda se poden observar cetarias antigamente dedicadas ao cultivo de lagosta e, ao dirixir a ollada cara á montaña, distínguense perfectamente as elevacións dos castros da Cabeciña (Mougás) e Cano dos Mouros (Viladesuso).

6.- Cabo Silleiro

Seguindo pola escarpada costa de Mougás chégase a Punta Centinela, lugar que leva este nome polos labores de vixilancia do litoral que se facían no pasado. Tres quilómetros máis adiante atópase Cabo Silleiro, coa súa rochosa montaña e a impoñente silueta da torre do faro, de 18 metros de altura e que alumea co seu potente sinal desde o ano 1924.