Cultura de Galicia rehabilitará a Igrexa monacal de Santa María de Oia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, a quen lle avanzou o compromiso do seu departamento coa rehabilitación da igrexa monacal de Santa María de Oia.

Neste sentido, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería –cuxa responsable, María del Carmen Martínez Insua, tamén estivo na xuntanza– iniciará en breve os trámites para licitar a redacción do proxecto básico e de execución para reparar o templo.

En concreto, as actuacións que se prevén realizar pasan por revisar a solución construtiva da cuberta do templo, así como levar a cabo labores de acondicionamento, restauración e rehabilitación das circulacións públicas igrexa/mosteiro.

Cómpre destacar que a Xunta de Galicia prevé que se poidan ampliar as intervencións no ben mediante achegas do Goberno do Estado, no marco da folla de ruta de rehabilitación de BICs do Camiño de Santiago.

O conxunto do Mosteiro de Santa María de Oia ten a consideración de Ben de Interese Cultural coa categoría de Monumento. Situado no Camiño Portugués da Costa, o conxunto edificado está conformado pola antiga igrexa monacal –hoxe igrexa parroquial–, e os inmobles do antigo mosteiro, que se ordenan en torno a un claustro e un gran patio de labor, aberto á antiga horta, xardín e terreos agrícolas do antigo mosteiro.

Pin It on Pinterest

Share This