OS PETROGLIFOS DE FIGUEIREDO, AUGA DOS CEBROS

Na parroquia de Pedornes localízase un dos petroglifos máis senlleiros de todo o complexo da arte rupestre prehistórica galega. Falamos dos gravados rupestres de Figueiredo ou Laxe da Auga dos Cebros emprazados no mesmo leito do Río de Vilar sobre unha laxe granítica inclinada.

O repertorio iconográfico está composto polas figuras de 17 cuadrúpedos (cervos) gravados en baixorrelevo, e o deseño paradigmático dunha embarcación de 160 cm. de eslora, casco curvo con proa e popa, mastro, cabos e posibles figuras de tripulantes, que se interpreta como de posible orixe ou influencia mediterranea.