Eliminado un vertido de augas residuais urbanas no rego Viladesuso

Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de comprobar a emenda dun vertido de augas residuais urbanas procedentes da rede de saneamento que estaba afectando ao rego Viladesuso.

Está actuación realizouse ao abeiro do Plan de Control de Vertidos (PCV) e detectouse durante as labores de inspección que realiza o persoal técnico para controlar puntos de vertido.

O aporte contaminante, que se estaba producindo na marxe esquerda da ponte do lugar de O Serrallo, produciuse polo desprazamento dun dos aneis de formigón que conformaban o colector, o que permitía a saída das augas residuais.

Logo de detectalo, Augas de Galicia puxo esta situación en coñecemento do concello, que o solucionou de forma inmediata. Recentemente, técnicos dependentes de Augas de Galicia xiraron unha nova inspección de comprobación á zona, constatando que a través do colector da rede de saneamento xa non se producía o vertido de auga residual.