Entroido cheo de actividade e diversión en Oia

O entroido chega este venres a Oia cheo de actividade e diversión para os máis pequenos e pequenas do municipio

Os actos festivos arrancarán ás 10.30 horas cun desfile de disfraces organizado polo CEIP Mestre Manuel García.

A comitiva, formada pola comunidade escolar, levará a festa e os seus coloridos disfraces polas rúas e prazas do barrio histórico do Arrabal, pasando pola Praza Centinela.

Xa o sábado, a Casa Cultural de Mougás acollerá unha festa infantil organizada polo Concello de Oia coa colaboración da Asociación Veciñal de Mougás. Entre as 17.00 e as 19.00 horas haberá música, animación, un desfile e maquillaxe, ademais dunha merendola para as persoas asistentes. 

Tradicional Festa do Galo de Mougás

O luns, a parroquia de Mougás celebrará a súa tradicional Festa do Galo, organizada pola Asociación Veciñal a partires das 16.30 horas. As persoas asistentes poderán participar no desfile para facer entrega do galo a dúas persoas maiores do pobo. 

Cada neno ou nena terá que levar un limón, unha laranxa e un ovo, que despois se doarán. Despois do desfile e a entrega do galo, a festa rematará cunha merenda. A actividade será gratuíta para as persoas socias e terá un custo de 2 euros para as non socias.

Os preparativos da festa faranse o sábado pola mañá na Casa Cultural: de 11.30 a 13.30 horas haberá unha xuntanza para facer traballos manuais con canas e flores. Nestas manualidades poderán participar tanto os nenos e nenas como as persoas adultas.

Pin It on Pinterest

Share This