Gran estreo de ‘Memorias de Oia’ en Pedornes

O Centro Cultural de Pedornes acolle este venres a estrea do audiovisual Memorias de Oia, unha compilación de vivencias e anécdotas coas que as persoas maiores de diversos lugares do municipio lembran e describen como era a vida en Oia nos seus anos mozos. Relatos sobre o traballo, dificultades, festas e historias do día a día narradas polos seus propios protagonistas co obxectivo de evitar que todo este patrimonio inmaterial caia no esquecemento.

A proxección será o próximo venres 9 de novembro ás 18.30 horas, dentro da programación da XXXII Semana Cultural de Pedornes.

O traballo audiovisual é froito de meses de traballo no deseño e desenvolvemento das entrevistas e a edición de todo o material gravado. Trátase dun documental de aproximadamente hora e media de duración a través do que se poderá descubrir a realidade histórica de Oia ao tempo que se pon en valor o patrimonio inmaterial: costumes, tradicións, oficios e especialmente a lingua galega e as variantes dialectais da zona.

Este proxecto é unha iniciativa do Concello de Oia e contou cun investimento total de 2.202,20 euros, financiados cunha subvención da Xunta de Galicia para a  promoción do uso da lingua galega (1.595 euros) e máis cunha achega municipal.

O documental foi gravado por Samaín Producións e contou coa colaboración de Patricia Muñoz da Asociación Costa dos Castros e de Chicho, veciño de Pedornes que achegou material audiovisual histórico. Tamén hai que destacar a axuda das familias das persoas entrevistadas, as cales brindaron a súa amabilidade e dispoñibilidade á hora de organizar as sesións.

Debido á grande cantidade de material recollido dentro do proxecto Memorias de Oia, e tendo en conta que o proceso de entrevistas aínda permanece aberto, nos vindeiros meses editarase unha segunda parte do documental.

Obradoiro de curtas

Por outra parte, dentro da programación de actividades da XXXII Semana Cultural de Pedornes tamén se inclúe a proxección do audiovisual realizado polos mozos e mozas participantes no obradoiro de iniciación á curtametraxe en galego, unha actividade organizada polo Concello de Oia, impartida por Samaín Producións e cofinanciada pola Deputación de Pontevedra.

A curta proxectarase este xoves 8 de novembro ás 18.30 horas no Centro Cultural de Pedornes.

Pin It on Pinterest

Share This