Guía por itinerarios en bicicleta

O concello de Oia acollerá a acción formativa “Guía por itinerarios en bicicleta” do proxecto Ti© Emprendes que impulsa a Deputación de Pontevedra.

O concello de Oia acollerá unha das 26 accións formativas que levarán a cabo a Deputación de Pontevedra no marco do proxecto TIC EMPRENDES e que conta co financiamento do Fondo Social Europeo.

O obxectivo do proxecto é , por medio dunha formación eminentemente práctica e centrada en temas de actualidade e interese, dinamizar e mellorar a empregabilidade da mocidade que resida en localidades do rural, tanto para emprender e traballar por conta propia como para facelo por conta allea.

No tocante á acción formativa denominada “Guía por itinerarios en bicicleta” está centrada nun dos sectores produtivos máis relevantes na provincia como son as actividades de lecer ao aire libre. No transcurso desta accións formativa, as persoas participantes obterán, entre outros, os coñecementos básicos para o deseño e a realización de itinerarios en bicicleta, o mantemento e condución de bicicleta así como a organización de itinerarios en bicicletas con persoas. Ademais esta acción formativa conta cun módulo de autoemprego.

Esta acción formativa, que dará comezo en outubro, ten unha duración de 125 horas lectivas, das que 100 horas serán de formación específica sobre as actividades de guía por itinerarios en bicicleta, e 25 horas en contidos relacionados co autoemprego ou creación de empresas. As sesións desenvolveranse en xornadas de 5 horas diarias polo que a duración total desta accións formativa desenvolverase o longo de 5 semanas.

As persoas participantes teñen dereito a unha bolsa de desprazamento de 13,45 euros diarios por día de asistencia.

As persoas interesadas en obter unha das 15 prazas dispoñibles deberán ter entre 16 e 30 anos, estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, estar no desemprego, non estar integradas no sistema de educación ou formación regradas e residir nun dos 31 municipios do rural que participan nesta iniciativa (O Rosal, Oia, As Neves, Arbo, Crecente, A Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Fornelos de Montes, A Lama, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Campolameiro, Moraña, Barro, Meaño, Meis, Portas, Illa de Arousa, Catoira, Valga, Cuntis, Pontecesures, Vila de Cruces, Rodeiro, A Golada e Dozón).

As solicitudes poderanse presentar ata 15 días antes do inicio do curso, preferentemente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Deputación: https://sede.depo.gal ou no rexistro do concello.

Para mais información, as persoas interesadas poden contactar en https://www.depo.gal/tic-emprendes e nos teléfonos: 886 217 320 / 986 804 100 extensión 47 321