Mañá comezan as charlas obradoiro sobre corresponsabilidade

O CEIP Mestre Manuel García de Oia acollerá mañá, de 16.00 a 18.30 horas, a charla-obradoiro titulada Corresponsabilidade e uso dos espazos e o tempo: os/as nenos/as poden e deben botar unha man na casa.

Esta será a primeira das tres charlas-obradoiro organizadas polo Concello de Oia dentro da iniciativa Obradoiros de Corresponsabilidade: Na casa, todos/as iguais que se está a desenvolver ao longo do mes de novembro. As vindeiras datas son:

20 de novembro: Poñendo límites: relacións de igualdade e respecto entre pais/nais e os seus fillos e fillas. De 16.00 a 18.30 horas no CEIP Refoxos.

29 de novembro: Educar en igualdade é cousa de todos/as: imitación e perpetuación dos roles tradicionais. De 16.00 a 18.30 horas no CEIP Mestre Manuel García.

As tres charlas-obradoiro están dirixidas ás familias do alumnado das escolas de Oia e tamén están abertas ao público en xeral (ata completar aforo).

Corresponsabilidade

A iniciativa Obradoiros de corresponsabilidade: Na casa, todos/as iguais ten como obxectivo xeral rebater os estereotipos e roles de xénero tradicionais e comezar a traballar no concepto de corresponsabilidade como marco de participación activa de todos os membros do núcleo familiar.

Ademais das tres charlas-obradoiro para familias, ao abeiro deste proxecto estanse a desenvolver sesións co alumnado e os equipos docentes de segundo ciclo de educación infantil e de primaria das dúas escolas de Oia, os CEIP Mestre Manuel García e Refoxos.

O proxecto conta cun investimento total de 4.836,37 euros e está financiado cunha achega do Concello de Oia e tamén a través dunha subvención para o fomento de igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero da Deputación de Pontevedra (Servizo de Igualdade).