Mozos e mozas de Oia descobren o patrimonio local a través da fotografía

A saída forma parte das actividades do proxecto xuvenil #Oiaensepia que comezou o pasado mes de xullo

Os mozos e mozas participantes no obradoiro xuvenil #Oiaensepia que se está a celebrar nestas semanas realizaron unha saída fotográfica por distintos puntos de Oia, co obxectivo de analizar e reflexionar sobre os cambios no patrimonio local.

Dentro do proxecto Oia en sepia, o grupo está a recompilar fotografías antigas sobre Oia, as cales se encargarán de documentar. Tamén farán unha comparativa entre as imaxes antigas reunidas e as fotografías da súa excursión, reflexionando así sobre como foi evolucionando a paisaxe, a cultura e o patrimonio no municipio durante as últimas décadas.

Os resultados obtidos materializaranse nunha exposición que se poderá visitar proximamente na Oficina de Turismo de Oia.

Proxecto #oiaensepia

O proxecto #oiaensepia desenvólvese de xeito gratuíto e ten como obxectivo fundamental organizar un conxunto de actividades participativas logren captar o interese da mocidade polo seu patrimonio natural e cultural, así como pola memoria histórica local.

Deste xeito, preténdese espertar a curiosidade sobre o pasado, promovendo unha reflexión sobre o valor do patrimonio e a necesidade de preservalo para o futuro. Do mesmo xeito, o proxecto quere impulsar a creatividade dos participantes, orientalos no uso responsable das novas tecnoloxías e desenvolver o seu espírito crítico.

Esta iniciativa conta coa financiación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dentro das subvencións para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade para 2019.