Nenos e nenas de Oia analizan a imaxe da muller nos medios nun proxecto de igualdade organizado polo Concello

A iniciativa revelou que os nenos e nenas participantes teñen bastante instaurado o concepto de igualdade | O proxecto incluíu a elaboración dun decálogo de boas prácticas para profesionais da publicidade

O alumado de segundo ciclo de educación infantil e de primaria dos dous colexios de Oia veñen de participar nun proxecto de igualdade que, baixo o título “como aparecemos representadas nos medios”, analizou e debateu sobre o tratamento que os medios de comunicación dan ás mulleres.

A iniciativa socioeducativa desenvolveuse ao longo de varias sesións durante o pasado mes de novembro nos CEIP Mestre Manuel García e de Refoxos. No transcurso desta actividade constatouse a boa acollida do alumnado á hora de reflexionar e debater sobre as desigualdades de xénero. Especialmente nos cursos de 5º e 6º de primaria, quedou patente que o alumado ten bastante instaurado o concepto de igualdade.

O obradoiro, organizado polo Concello de Oia e beneficiario dunha subvención da Deputación de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero dirixida a municipios de menos de 20.000 habitantes, abordou o tema das desigualdades de xénero de xeito transversal. Así, traballáronse competencias como a comunicación lingüística, a competencia social e cívica e a competencia de aprender a aprender, entre outras.

Decálogo de boas prácticas

Ao longo do mes de novembro, os alumnos e alumnas participantes no proxecto realizaron diversas actividades. Entre outras, analizaron diversos contidos informativos e publicitarios, comparando exemplos do pasado con outros actuais para tirar conclusións sobre os estereotipos existentes arredor das mulleres.

Así mesmo, elaboraron un pequeno decálogo de boas prácticas dirixido aos profesionais que crean os anuncios publicitarios.

Pin It on Pinterest

Share This