O campo de fútbol das Tornas do concello de Oia xa conta cun novo vestiario

O Concello ven de rematar o proxecto de construción dun novo edificio para vestiarios no campo de fútbol das Tornas, para o que dispuxo dunha achega da Xunta de Galicia de 40.000€ ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público. Esta cantidade representa o 58,07% do proxecto, e a porcentaxe restante e a dirección de obra, foi financiada polo Concello ao abeiro do Plan Concellos do 2020 da Deputación de Pontevedra.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, achegáronse esta mañá ata esta instalación deportiva para supervisar esta actuación, que permitirá duplicar a actual superficie destinada a vestiarios e que dá continuidade ás melloras acometidas neste campo nos últimos anos.

O proxecto, cuxas obras rematáronse recentemente, consistiron na creación dunha nova unidade construtiva, no espazo existente xunto ao gradarío, cunha superficie de case 80 m2 con dous vestiarios para equipos con preto de 30 metros e outro individual para os árbitros.

Deste xeito, o campo disporá de instalacións suficientes para os seus usuarios, xa que ata a data dispoñía dun inmoble con dous vestiarios grupais, dous para colexiados e outro con formato de aseo para persoas con discapacidade, pero facíanse escasos polo constante emprego do estadio, que habitualmente é utilizado polo Clube de Fútbol Oiense, equipos de veteráns, os cativos da escola de fútbol e, ocasionalmente, por parte de afeccionados, torneos amigables e a campamentos de verán.

A Alcaldesa, Cristina Correa, amosouse moi satisfeita con esta inversión, xa que coa construción dos novos vestiarios se melloraron as instalacións deportivas municipais e deuse cumprimento ás demandas trasladadas polo Oiense F.C. e os equipos de veteráns do concello.