O casco histórico de Oia énchese de música durante as fins de semana de agosto

O casco histórico de Oia encherase de música durante as fins de semana de agosto, con actuacións na rúa de grupos e bandas de diversos estilos musicais que amenizarán as tardes e noites do Arrabal durante todo o mes.

A programación musical organizada polo Concello de Oia arrancará este domingo día 4 coa actuación da formación de música tradicional A Fiada de Viladesuso, ás 20.00 horas na Praza da Centinela.

A seguinte actuación será o venres 16 de agosto. Nesta ocasión, o grupo A Roda será o encargado de amenizar e darlle ao barrio un ambiente festivo (23.00 horas a carón do Mosteiro).

Ao día seguinte, o sábado 17 de agosto, o grupo Rock Q’Mola actuará ás 21.00 horas na Centinela cos seus temas clásicos roqueiros e de baile.

A programación pecharase o domingo 25 coa actuación do cuarteto local As Caramuxas. Esta xoven formación de pandereteiras actuará ás 20.00 horas na Centinela.

Esta programación musical nutrirase con novas actuacións ao longo do mes, as cales poderán consultarse na páxina web do Concello de Oia e tamén na páxina de Facebook da Oficina de Turismo.

Cortes de tráfico na Centinela

A partir do domingo día 4, e durante as fines de semana de agosto, o tráfico rodado permanecerá pechado na Praza da Centinela entre as 20.00 e as 22.30 horas, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da actividade cultural e dinamizar este lugar como punto de encontro entre a veciñanza.

Ademais, nos próximos días o barrio histórico decorarase con flores de papel e outros adornos elaborados polos nenos e nenas participantes nos obradoiros #Oiaensepia e o campus de verán que se desenvolve no CEIP Mestre Manuel García.