O Concello de Oia aproba inicialmente a ordenanza que regulará os furanchos

Fixa un período de apertura máximo de 3 meses ao ano, entre o 1 de decembro e o 30 de xuño

O pleno do Concello de Oia aprobou inicialmente este martes a normativa que ordeará a actividade dos furanchos que queiran desenvolver a súa actividade dentro do termo municipal. A iniciativa, que regula as condicións e documentación necesarias para autorizar este tipo de establecementos, saíu adiante cos votos do grupo municipal do PP e do BNG e coa abstención do PSOE. 

O documento define os termos de furancho e loureiro, fixa as competencias municipais ao respecto, indica os requisitos que deben cumprir os locais, as condicións nas que debe desenvolverse a actividade, as obrigas das persoas titulares e os deberes e dereitos das persoas usuarias. Tamén enumera a documentación e trámites necesarios para o inicio da actividade e prevé a creación dun rexistro municipal de furanchos.

Entre os principais contidos, o documento detalla que o período de apertura non deberá de exceder dos 3 meses ao ano e especifica o tipo de tapas que se poden por a disposición da clientela. Do mesmo xeito, establece mecanismos de control, vixilancia e sancións en casos de incumprimento e intrusismo.

Tras a súa aprobación inicial este martes, a ordenanza reguladora dos furanchos será publicada no Boletín Oficial da Provincia para información pública. 

Definición de furancho e período de apertura

A normativa aprobada inicialmente define os furanchos como locais situados na vivendas privadas, ou dependencias vinculadas a elas, que poidan ser susceptibles de ter un uso de adega e onde as persoas propietarias venden o excedente do viño da colleita propia, elaborado na casa para o seu consumo particular. Xunto co viño, poden ofrecer tapas que, como produtos alimenticios preparados regularmente por elas, sirvan de acompañamento. 

En canto aos loureiros, detalla que a única diferencia respecto dos furanchos será que os produtos alimenticios serán achegados pola propia clientela.

Os furanchos e loureiros situados dentro do termo municipal de Oia poderán estar abertos ao público un máximo de tres meses, entre o 1 de decembro e o 30 de xuño de cada ano. Excepcionalmente poderase prolongar o período de apertura durante un mes máis, nunca máis alá do 31 de xullo.

Nestes locais poderase vender o excedente de viño da colleita propia ata un máximo de 0,65 litros por metro cadrado da superficie de viñas que o titular teña en Oia. A degustación do viño, que non poderá ser embotellado senón que se deberá servir directamente do barril, poderá acompañarse de ata un máximo de 5 tipos distintos de tapas.

As instalacións deberán ser cubertas e tan só se autorizará actividade ao aire libre se a veciñanza colindante o autoriza ou non se opón. Tamén deberán contar con aseo, accesos adaptados, aparcamento -a non ser que estean en solo urbano- e respectar un aforo máximo de 34 persoas. 

En canto ás obrigas das persoas titulares, deberán velar polo bo estado das dependencias, dispensar un trato correcto, dar información veraz e obxectiva sobre os seus servizos, ter follas de reclamacións, emitir xustificantes de pagamento conforme aos prezos ofertados e contratar un seguro de responsabilidade civil. Finalmente, os locais estarán obrigados a exhibir, en lugar visible, a póla de loureiro que tradicionalmente identifica aos furanchos.