O Concello de Oia aproba inicialmente un orzamento de 1,7 millóns de euros

Mantense a conxelación de taxas e impostos municipais, a aposta polo gasto social e se incorporan axudas para establecementos hostaleiros afectados pola covid | Aprobada a proposta do novo escudo e a bandeira oficial de Oia, que será remitida á Heráldica

O pleno municipal de Oia aprobou inicialmente o orzamento para este ano, que ascende a un total de 1,7 millóns de euros. Nun momento de dificultade marcado polas excepcionais circunstancias provocadas pola pandemia da covid-19, o gasto social consignado nas contas representa cerca do 12% do total das contas municipais.

Os orzamentos ascenden a un total de 1,7 millóns de euros, o que supón continuar a senda de lixeiros aumentos dos últimos anos (1,69 millóns en 2020 e 1,62 millóns en 2019). Destaca o mantemento da débeda cero, do esforzo en materia social e a conxelación de taxas e impostos municipais

A alcaldesa, Cristina Correa, incidiu en que “o gasto social ascenderá a 202.330 euros, o que supón o 11,9% do orzamento total do Concello”. Nese sentido, lembrou que o número de horas destinadas a atención a persoas dependentes se ampliará este ano un 2,1%, pasando das 14.088 do ano pasado a 14.352 en 2021

Entre as principais partidas orzamentarias está o capítulo de investimentos reais, que ascende aos 34.200 euros. Desta cantidade destaca a achega municipal ao Plan Marco da Xunta para a Mellora de Camiños Municipais, de 10.000 euros.

Ademais, a alcaldesa destacou que por segundo ano consecutivo se contempla unha partida para axudas ás traídas de augas veciñais (25.900 euros) e para bolsas de transporte escolar (2.000 euros). Tamén dará continuidade á aposta pola creación de novas rutas de sendeirismo que permitan ampliar a oferta de espazos de lecer cidadá ao aire libre e que, ao mesmo tempo, dinamicen o turismo; cuestións moi demandadas neste contexto de pandemia.

Axudas á hostalería para paliar os efectos da covid

As contas para 2021 inclúen algunhas partidas de nova creación, destinadas a paliar os efectos da covid nos sectores económicos máis prexudicados e a axudar á veciñanza á dotarse de materiais de prevención. Así, consígnanse 10.000 euros para axudas a establecementos hostaleiros afectados pola pandemia e outros 10.000 euros para a compra de máscaras e outros materiais de prevención. 

En alusión ás axudas á hostalería, a alcaldesa sinalou que esta cantidade prevé ampliarse, xa que “é vontade do equipo de goberno sumarse ao fondo de cooperación no que Xunta, deputacións e concellos están a traballar” e que se concretará nos próximos días. 

Por outro lado, e ao igual que en anteriores exercicios, o Concello manterá a colaboración con asociacións con fins sociais radicadas na comarca, así como cos colectivos culturais e deportivos do municipio.

As axudas para a posta en valor dos curros e para a actividade da Asociación Costa dos Castros tamén teñen continuidade no 2021. No caso desta última, a achega municipal orientarase especialmente á edición de libros. 

Primeiro pleno telemático en Oia

O pleno ordinario deste xoves, o primeiro celebrado de xeito telemático en Oia, aprobou as contas municipais cos votos a favor do equipo de goberno.  Tras recibir o visto e prace inicial, abrirase o correspondente período de alegacións previo á aprobación definitiva do expediente. 

Por outra banda, na sesión de hoxe tamén recibiu o visto e prace á proposta da Comisión de Heráldica para o novo escudo e a bandeira de Oia, que empezou a tramitarse no 2019. 

Segundo avanzou a alcaldesa, o novo deseño respecta ao máximo a tradición e historia local, facendo alusións a símbolos como as pólas de figueira como elemento principal, o báculo e velo abacial e as dúas lises. Deste xeito, complétase a alusión ao mosteiro cisterciense sen necesidade de facer uso do seu propio emblema, opción sempre rexeitable pola Comisión.

Outros asuntos do pleno

Este xoves tamén se levou a pleno a ordenanza que regulará o prezo do libro “O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar”, publicación que o Concello porá a venda pensando nas persoas de fóra do municipio que poidan estar interesadas na historia local.

Outro asunto aprobado foi o proxecto de mellora no río Broi (Viladesuso), que leva implícita a declaración de utilidade pública e, por tanto, as correspondentes expropiacións de terreos necesarios para acometer a actuación. Esta intervención, de Augas de Galicia, é a segunda fase dos traballos realizados en 2013 para evitar problemas derivados de inundacións

Por outra banda, o pleno abordou a adhesión de Oia ao convenio asinado entre Fegamp e Vicepresidencia da Xunta a fin de axilizar os trámites de expedientes sancionadores derivados de actas de denuncia por incumprimentos da normativa autonómica de contención da covid. Actualmente o Concello de Oia ten constancia duns 8 procedementos sancionadores pendentes que, en virtude do antedito convenio, serán tramitados polo departamento autonómico. 

A conta xeral do pasado exercicio e a ampliación dun mes no prazo de entrega do borrador do PXOM -atendendo ás circunstancias extraordinarias da covid- foron outros asuntos abordados dentro da orde do día plenaria.

Pin It on Pinterest

Share This