O Concello de Oia avanza na actuación do camping Pedra Rubia

A operación suporá a compra de 17.012,90 m² de solo rústico e  financiarase con 120.000 euros procedentes de remanentes de tesourería e outros 80.000 euros achegados pola Xunta de Galicia

O Concello de Oia avanza na actuación que suporá a compra dos terreos do antigo camping Pedra Rubia, situado na zona do Aguncheiro (Mougás), co obxectivo de recuperar este enclave con usos como zona de esparcemento, usos deportivos e de lecer.

Así, a corporación municipal aprobou o inicio do expediente de compra do terreo no pleno extraordinario do pasado 5 de setembro. O acordo foi aprobado por unanimidade, co apoio dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG.

A operación suporá a compra dunha parcela de 17.012,90 metros cadrados de solo rústico e  financiarase con 120.000 euros procedentes de remanentes de tesourería e outros 80.000 euros que serán achegados pola Xunta a través dun convenio.

Parcelamento

A parcela do antigo camping Pedra Rubia ten unhas dimensións totais de 19.000 metros cadrados, dos cales 17.012,90 metros cadrados corresponden a solo rústico e o resto a solo urbano de núcleo rural. O Concello procederá á compra da área de solo rústico, polo que cómpre facer un parcelamento do terreo. 

Este parcelamento deberá recibir o visto e prace de Costas e máis de Patrimonio, tramitacións nas que xa se está a traballar para poder proceder á compra-venda.

Visita aos terreos

A alcaldesa, Cristina Correa, e máis o concelleiro de Medio Ambiente e Persoal, José Manuel Rodríguez; veñen de realizar unha visita aos terreos do camping acompañados polo arquitecto responsable do parcelamento da zona, Luis Miguel Zozaya.

A visita serviu para explorar e visualizar distintas posibilidades de recuperación do lugar a través de usos de esparcemento, deportivos e de lecer, en consonancia coas instalacións que xa existen e que presentan un importante estado de deterioro. Entre estes equipamentos atópase a antiga recepción do camping, os vestiarios e almacéns, a zona de aseos e duchas, o edificio da que fora a cafetería-restaurante e unha pista polideportiva, así coma unha piscina.