O Concello de Oia destina preto de 26.000 euros á mellora das traídas de auga

A medida ten por obxecto apoiar aos modelos tradicionais de xestión colectiva das augas para a mellora do servizo, a calidade do subministro e o mantemento da saúde pública

O Concello de Oia destina un total de 25.900 euros a melloras nas 20 traídas veciñais do municipio. A medida ten por obxecto apoiar os modelos tradicionais de xestión colectiva das augas mellorando o servizo e a calidade da auga. 

As entidades beneficiarias poderán empregar as cantidades concedidas para a realización de analíticas, afrontar os gastos de cloración ou contratar obras e man de obra. Tamén poderán adquirir material ou equipamentos asociados a melloras nas captacións de auga (mananciais e pozos), sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e entorno), rede de distribución (extensión ou mellora da rede), instalacións novas ou mellora das existentes (conexións eléctricas, sistemas de bombeo, peches e seguridade).

O criterio seguido á hora de repartir as subvencións é o número de usuarios (billas). Como requisito para acceder ás axudas, as traídas deben estar inscritas no correspondente rexistro.

Mellora do servizo

As subvencións ás traídas de auga están previstas nas contas do Concello para este 2020. “Por primeira vez, o orzamento municipal contempla este ano unha partida de axudas destinada ás traídas de Oia” destaca a alcaldesa, Cristina Correa, quen lembra que esta medida de apoio permitirá acometer actuacións que “repercutirán nunha mellora do servizo, na calidade do subministro e no mantemento da saúde pública”.

O reparto da partida global de 25.900 euros nas distintas subvencións nominativas foi aprobado polo pleno municipal o pasado 30 de xullo e entrou en vigor o 10 de setembro. Unha vez rematados estes trámites, actualmente o Concello está a asinar os convenios individuais con cada unha das traídas beneficiarias.

Pin It on Pinterest

Share This