O Concello de Oia formaliza a compra dos terreos do antigo camping Pedra Rubia

O Concello de Oia adquiriu os terreos do antigo camping Pedra Rubia para recuperalos e destinalos a unha área de lecer e deportiva. Este xoves a alcaldesa, Cristina Correa, formalizou ante notario a escritura de compravenda da parcela correspondente a 17.012,90 metros cadrados, situados na zona do Aguncheiro (Mougás) en solo rústico común, a carón do Camiño Portugués da Costa.

O pasado 21 de xullo, o pleno municipal aprobou por unanimidade a compra, que se materializou este xoves. 

 O Concello, que recibiu 80.000 euros da Xunta de Galicia e 120.000 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondendo o montante total ao importe da compra, xa é propietario da parcela do antigo camping. A adquisición da parcela é o primeiro paso para comezar a traballar nun proxecto de recuperación dos terreos degradados, tendo como obxectivo destinar o espazo a usos de esparcemento, deportivos e de lecer, en consonancia coas instalacións que xa existen e que presentan un importante estado de deterioro. 

Entre estes equipamentos atópase a antiga recepción do camping, os vestiarios e almacéns, a zona de aseos e duchas, o edificio da que fora a cafetería-restaurante e unha pista polideportiva, así coma unha piscina. 

A actuación tamén incluirá a recuperación e posta en valor das salinas romanas que se atopan no seu contorno.