O Concello de Oia inicia una nova campaña de reparto de trampas contra a velutina

Repartiranse 100 unidades entre os apicultores e, como novidade este ano, entregaranse outras 200 nos colexios

O Concello de Oia comeza unha nova campaña de reparto gratuíto de trampas para combater a invasión de avespa velutina, iniciativa que este ano incrementa o número de unidades postas a disposición da veciñanza e incorpora como novidade o reparto nos colexios. Así, ao igual que outros anos, repartiranse 100 trampas entre os apicultores do municipio e, a maiores, entregaranse outras 200 nos centros educativos. 

A campaña de trampeo realízase aproveitando a chegada da primavera. Esta estación é un dos períodos máis importantes a ter en conta para o control da especie, pois é nese momento no que as raíñas da avespa asiática comezan a formar os seus niños primarios.

O Concello leva varios anos desenvolvendo estas campañas de reparto de trampas para axudar e evitar os danos que provoca a presenza da vespa velutina, a cal supón unha ameaza a especies que cumpren un importante labor polinizador como é o caso das abellas. 

Como novidade neste 2021, e co obxectivo de buscar a colaboración do conxunto da veciñanza, ao tradicional reparto a apicultores incorpórase a entrega de trampas nos colexios. Trátase de sumar esforzos na loita contra esta especie invasora a través da colocación de trampas na contorna das colmeas, a fin de protexelas, e tamén noutros puntos desde os que se contribúa a frear o avance desta especie invasora.

Os apicultores interesados en recibir unha trampa poden contactar co Concello nos números de teléfono 986.36.21.25 e 639.32.94.93.

En caso de localización dun niño de velutina, a Administración local lembra que os veciños e veciñas poden dar aviso para a súa retirada no teléfono do Concello de Oia (986.36.21.25) ou ben a través da aplicación Línea Verde (dispoñible para teléfono móbil e tablet).

Recomendacións no uso de trampas colmeares

A cantidade de trampas a colocar nun apiario varía segundo o número de colmeas que se posúan. Por iso recoméndase seguir as seguintes proporcións:

  • 1 trampa en colmeares de ata 10 colmeas.
  • 2 trampas en colmeares de ata 25 colmeas.
  • 3 trampas en colmeares de ata 50 colmeas.
  • 4 trampas en colmeares de máis de 50 colmeas.

Estas trampas deberán colocarse soamente en zonas onde se teña detectado presenza de velutinas. O ideal é situalas a unha altura de 1,50 metros e nun radio de 100 metros arredor dos apiarios, en puntos soleados e protexidos do vento.