O Concello de Oia mellora a accesibilidade do Centro Sociocultural de Pedornes coa instalación dun ascensor

As obras supuxeron un investimento total de 27.931,18 euros: 19.272,51 de fondos propios municipais e 8.658,67 a través do Plan Concellos da Deputación

O Concello de Oia vén de acometer as obras de mellora da accesibilidade no Centro Sociocultural de Pedornes, consistentes na instalación dun ascensor como alternativa aos accesos existentes ata o de agora: dous tramos de escaleiras ou ben un camiño con moita pendente. 

Estes accesos eran a única maneira de entrar no centro, o que supuña unha dificultade para que as persoas con problemas de mobilidade puideran asistir de forma autónoma ás distintas actividades socioculturais que alí se organizan.

As obras supuxeron un investimento total de 27.931,18 euros. Deste total, 19.272,51 corresponden a fondos propios do Concello e os restantes 8.658,67 euros foron subvencionados a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra (dentro da liña 1 investimentos). 

O proxecto para a instalación do ascensor do Centro Sociocultural de Pedornes foi elaborado polo arquitecto redactor do proxecto orixinal de construción do centro, Luis Miguel Zozaya.

Pin It on Pinterest

Share This