O Concello de Oia organiza un obradoiro de autoestima e empoderamento feminino

Desenvolverase os martes entre o 1 de outubro e o 17 de decembro en Torroña e Loureza

As interesadas poden inscribirse no Concello ata o 29 de setembro. As prazas son limitadas

O Concello de Oia organiza un obradoiro de empoderamento feminino, unha iniciativa que comezará o próximo mes de outubro co obxectivo de favorecer o autocoñecemento e autoanálise das mulleres, a mellora da súa autoestima e o fomento da súa motivación.

Este obradoiro desenvolverá un total de 12 sesións, a celebrar nos lugares de Torroña e Loureza. Desenvolverase os martes entre o 1 de outubro e o 17 de decembro en horario de tarde (de 16.00 a 17.15h. nas Escolas de Torroña e de 17.45 a 19.00h. na Abadía de Loureza).

O programa incluirá contidos como a análise e reflexión arredor da imaxe que cada muller ten de si mesma, tanto no físico como no emocional; a definición de metas persoais e a identificación de barreiras que limitan ou condicionan esas metas.

Tamén abordará a independencia na toma de decisións, a comunicación asertiva e a empatía, o autocoidado físico para o benestar emocional, a procura de espazo e tempo para unha mesma e os beneficios do empoderamento feminino.

Actividade gratuíta

Esta iniciativa desenvolverase de xeito gratuíto, organizada polo Concello de Oia e co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

As mulleres interesadas en asistir a este obradoiro poderán inscribirse no rexistro do Concello (teléfono 986.36.21.25) ata o 29 de setembro. As prazas son limitadas.