O Concello de Oia organiza un obradoiro xuvenil gratuíto arredor da fotografía antiga

O Concello de Oia organiza o proxecto xuvenil #oiaensepia, unha iniciativa de verán que, baixo a temática da fotografía antiga; incluirá actividades como un obradoiro creativo, unha recompilación de fotografías antigas e unha excursión para retratar o patrimonio de Oia e documentar os cambios que se van producindo co paso do tempo.

O proxecto #oiaensepia desenvolverase de xeito gratuíto e ten como obxectivo fundamental organizar un conxunto de actividades participativas logren captar o interese da mocidade polo seu patrimonio natural e cultural, así como pola memoria histórica local.

Deste xeito, preténdese espertar a curiosidade sobre o pasado, promovendo unha reflexión sobre o valor do patrimonio e a necesidade de preservalo para o futuro. Do mesmo xeito, o proxecto quere impulsar a creatividade dos participantes, orientalos no uso responsable das novas tecnoloxías e desenvolver o seu espírito crítico.

A actividade vai dirixida á mocidade de entre 14 e 20 anos aínda que, de non cubrirse as prazas, poderán participar persoas mozas doutras idades. As sesións desenvolveranse todos os luns e mércores entre o 8 e o 31 de xullo.

O prazo de inscrición está xa aberto no Concello (teléfono 986.36.21.25) ata o día 5 de xullo. As prazas son limitadas.

Esta iniciativa conta coa financiación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dentro das subvencións para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade para 2019.

Pin It on Pinterest

Share This