O Concello de Oia presenta este venres un libro sobre os cruceiros, cruces e almiñas do municipio

A obra, do historiador Xoán Martínez Tamuxe, recolle arredor dun centenar de pezas, ademais da toponimia relacionada con este tipo de elementos patrimoniais | O acto de presentación forma parte do programa da Semana Cultural de Mougás

O Concello de Oia presenta este venres o libro titulado Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño II. Concello de Oia, do historiador Xoán Martínez Tamuxe. O acto comezará ás 19.30 horas e forma parte da programación da Semana Cultural de Mougás que organiza a Asociación Veciñal.

Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño II. Concello de Oia trata de achegarnos a este interesante patrimonio etnográfico para poder coñecelo mellor e revalorizalo. Ao longo das súas páxinas, escritas tras unha rigorosa investigación e compilación de datos durante varias décadas, Martínez Tamuxe ofrece un resumo histórico de cada parroquia e o inventario de cada peza ou monumento, así como o seu estudo e catalogación.

Con esta publicación, editada coa colaboración de Turismo da Xunta de Galicia, o Concello continúa coa actividade de edición de libros relacionados co patrimonio e a historia local que vén desenvolvendo nos últimos anos. Xa para 2020, a colección engadirá algún novo título máis. 

Pezas de diversas épocas históricas

O libro de Xoán M. Tamuxe identifica arredor dun centenar de pezas de diversas épocas históricas, desde cruciformes gravados na pedra ata vía crucis, cruces labradas en pedra, cruceiros e almiñas (tamén coñecidas como petos de ánimas). Así mesmo, recolle exemplos de topónimos que fan alusión a este tipo de patrimonio nas distintas parroquias oienses. 

Entre os elementos estudados destaca o cruceiro da Praza da Centinela, o máis artístico do municipio e que, segundo indica o libro, era coñecido como a “Cruz das Indulxencias”. Esta estrutura data do século XVIII e está situada no barrio do Arrabal, moi preto do Mosteiro de Santa María de Oia.

Agasallo de exemplares na presentación

A publicación será dada a coñecer o próximo día 20 ás 19.30 horas na Casa Cultural de Mougás. No acto, o autor será presentado polo historiador Fernando Javier Costas Goberna.

O Concello agasallará un exemplar do libro ás persoas asistentes ao acto de presentación, que forma parte da programación de actividades da Semana Cultural de Mougás que a Asociación Veciñal organiza entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro.

Pin It on Pinterest

Share This