O Concello de Oia recibe a Cores Tourís, para manter un primeiro encontro institucional coa nova alcaldesa, Cristina Correa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Oia para manter un encontro institucional coa nova alcaldesa da localidade, Cristina Correa, con quen analizou varias necesidades do municipio.

O delegado territorial recordou que sempre visita aos novos rexedores dos concellos da demarcación territorial de Pontevedra para manter unha reunión con eles de cara a coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses. “Así o fixen tralos últimos comicios municipais do pasado mes de marzo, e agora volvo a Oia para felicitar a nova alcaldesa e escoitar as súas preocupacións e demandas”.

José Manuel Cores Tourís púxose a disposición de Cristina Correa co obxectivo de seguir a executar os proxectos xa iniciados coa administración autonómica, así como con todo o que dependa da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopouse a execución do novo centro de saúde que se está a construír na localidade e que supón un investimento de máis dun millón de euros e onde, nestes intres, quedan algúns flecos pendentes que se están a solucionar, como é a canalización de augas pluviais de cara a súa conexión coa rede municipal ou a execución do muro que separa este centro de saúde do colexio da localidade.

Pola súa banda, a alcaldesa demandou a administración autonómica a posta en marcha de traballos de limpeza e revisión das canles dos ríos do concello, “de cara a previr enchentes coa chegada dos futuros temporais invernais”.

Cristina Correa fixo tamén fincapé na necesidade de contar coa administración autonómica para seguir a mellorar e ampliar o saneamento do municipio, así como para a mellora dos centros educativos. Neste senso, o delegado territorial destacou que sería moi importante seguir a contar coa colaboración por parte da Deputación de Pontevedra para a mellora dos centros educativos. “Esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos”, engadiu.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra non quixo rematar o encontro sen recordarlle a nova alcaldesa a implicación da administración autonómica no concello de Oia, lembrando as obras de emerxencia realizadas nos ríos Sobral, Broi, Tamuxe e río Seco; o soterramento das liñas eléctricas nas rúas Laures e Vicente López; a reforma da antiga Casa Consistorial como nova oficina de Turismo; a execución do itinerario ciclista entre Baiona e A Guarda e dun depósito municipal de abastecemento en Santa María de Oia.

Pin It on Pinterest

Share This