O Concello de Oia reparte 30.000 máscaras entre a veciñanza

A alcaldesa lembra que o concello permanece en nivel máximo de restricións e fai un chamamento a extremar as precaucións

O Concello de Oia vén de poñer en marcha unha nova campaña de reparto de máscaras desbotables entre a veciñanza, procedentes dun pedido de 30.000 novas unidades que vén de facer nos últimos días.

Unha vez recibida esta nova partida de material de prevención fronte á covid-19, a Administración local comezou este venres o reparto de máscaras cirúrxicas a domicilio. O Concello lembra a importancia do uso axeitado destes equipos a fin de garantir o seu correcto funcionamento: a máscara debe colocarse de xeito que tape completamente nariz e boca, ben axustada á cara, e cómpre mudala cada 4 horas de uso.

Este novo reparto entre a veciñanza súmase ás anteriores entregas de material de prevención fronte á covid-19 que vén desenvolvendo o Concello durante a pandemia; tanto de máscaras de distintos tipos como de xel desinfectante.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, lembra que o concello permanece actualmente en nivel máximo de restricións e fai un chamamento a extremar as precaucións. Nese sentido, incide na recomendación de restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente ás persoas que forman a unidade de convivencia.

Nivel máximo de restricións

Debido á alta taxa de incidencia da covid-19 no municipio durante as últimas semanas, desde o pasado 15 de xaneiro Oia atópase no nivel máximo de restricións, con peche perimetral individual e grupos restrinxidos a 4 persoas (salvo convivintes). Só se pode saír do concello por motivos excepcionais como poden ser a adquisición de alimentos e bens de primeira necesidade, coidado de maiores, menores e dependentes, acudir a bancos e outras causas debidamente xustificadas.

Permítense os desprazamentos entre concellos a aquelas persoas que teñan cultivos, vides ou precisen atender animais, respectando en todo ocaso a distancia de seguridade e os protocolos de prevención establecidos. Ao igual que no resto de Galicia, o toque de queda mantense entre as 22.00 e as 6.00 horas.

A hostalaría e restauración debe permanecer pechada en interior, mentres que nas terrazas poderá dar servizo, ao 50% do aforo, ata as 18h. A recollida de comida no local está permitida ata as 22h e o servizo a domicilio ata as 00h. 

O aforo dos lugares de culto relixioso será 1/3 da súa capacidade máxima permitida, quedando establecido o aforo para velorios en 10 persoas interior/25 exterior e para enterros en 25 persoas.

Toda a información pode consultarse na sección de CORONAVIRUS da web municipal.