O Concello de Oia rinde un merecido recoñecemento a Marta Pombal Martínez polo seu primeiro título de Liga

O Concello de Oia recibiu hoxe a Marta Pombal Martínez pola consecución do primeiro Título Nacional de Liga de Balonmán do Atlético Guardés, equipo onde xoga na categoría senior dende fai dous anos.

A alcaldesa, Cristina Correa, en nome do Concello, lle fixo entrega dunha figura en recoñecemento da fazaña conseguida e do cariño e estima que se lle ten, convidándoa a participar como invitada de honra no Campus Deportivo que se celebrará no mes de xullo.

Marta é un exemplo de traballo e dedicación no deporte e nos estudos, xa que a cantidade de tempo e esforzo que lle leva militar nun equipo de primeira división feminina de balonmán, non é obstáculo para que poida compaxinalo cos estudos.

A pesar da súa xuventude -acaba de cumprir os 18 anos-, xa ten un palmarés deportivo envexable: foi medalla de bronce no Campionato de España de balonmán; foi a xogadora máis nova en xogar no Campionato de Europa; e acaba de engadir o título máis importante a nivel nacional: o título de Liga Loterías de Balonmán Feminino. A súa afición comezou aos 8 anos cando empezou a xogar como amateur no CEIP Mestre Manuel García, dando o salto dende alí ó Atlético Guardés, onde leva xogando nove anos, primeiro na categoría xuvenil e despois no equipo senior de segunda, co que ascenderon de categoría e conseguiron o billete para a fase de ascenso.

Agora mesmo está preparando con moita ilusión a selectividade, xa que ten un obxectivo marcado e que espera poder conseguir, estudar dentro da rama da medicina. Ánimo Marta!