O Concello de Oia xa solucionou o 95% das incidencias recibidas a través da app Línea Verde

Alumeado, beirarrúas e calzadas, recollida de mobles, avespa velutina e limpeza son os requirimentos máis comunicados

O Concello de Oia ten solucionado o 95% das incidencias recibidas a través da aplicación Línea Verde, un servizo que permite á veciñanza comunicar desde o teléfono móbil calquera tipo de incidencia no ámbito municipal. As notificacións máis frecuentes son as relacionadas co estado da iluminación pública, seguidas das que teñen que ver coas beirarrúas.

Desde a posta en marcha da aplicación en Oia, a finais de 2018, foron recibidas un total de 1.335 incidencias, das cales o 95% están xa resoltas. O Concello manifesta a súa satisfacción polos resultados acadados e sinala que estas cifras reflicten dous feitos positivos: un incremento exponencial no uso da aplicación por parte da veciñanza e un alto nivel de axilidade na resposta municipal. 

O Consistorio quere agradecer á veciñanza a súa implicación directa á hora de comunicar as incidencias, o cal permite mellorar o servizos que se prestan no municipio dando unha resposta máis rápida e detectando novas necesidades das que non se tiña constancia.

Principais incidencias rexistradas

As incidencias que se comunican en Oia con maior frecuencia teñen que ver especialmente co sistema de alumeado, seguidas das relativas a beirarrúas e calzadas. Outros rexistros habituais refírense á recollida de mobles, avisos por presencia de avespa velutina e servizos de limpeza.

Para poder empregar o servizo de incidencias de Línea Verde no teléfono móbil ou tablet cómpre descargar a app (a través Google Play/APP Store) e, unha vez instalada no dispositivo, seleccionar o municipio de Oia.

Para comunicar unha incidencia desde o propio lugar onde a persoa a atopa, hai que picar o botón “nova incidencia”, seleccionar o tipo de incidencia que se está a producir e, de forma automática, a aplicación detectará as coordenadas do punto. A partir de aí, a persoa usuaria debe subir unha fotografía e escribir algunha observación complementaria.

Unha vez enviada a incidencia, o persoal do Concello recibirá a notificación e comezará os trámites para solucionala. Pola súa banda, a persoa que rexistrou o aviso irá recibindo información puntual sobre os avances no estado da incidencia.

Línea Verde tamén está dispoñible nun botón específico dentro da páxina web do Concello www.concellodeoia.es ou ben no enderezo electrónico www.lineaverdeoia.es