O Concello pon en marcha un servizo gratuíto de atención psicolóxica durante a emerxencia do Coronavirus

Co obxectivo de prestar apoio á veciñanza que está a levar con dificultade a situación derivada da emerxencia sanitaria do novo coronavirus COVID-19, o Concello de Oia vén de por en marcha un servizo de atención psicolóxica que ofrecerá atención vía telefónica ou por vídeo-chamada a través de Skype.

O Concello é consciente de que a actual situación de confinamento decretada para conter a expansión do virus, na que levamos 25 días, pode xerar nalgunhas persoas cadros de estrés, angustia ou ansiedade, especialmente nas persoas que se atopan soas ou en situacións de vulnerabilidade. Por iso, pon en marcha un servicio asistencial para prestar apoio psicolóxico gratuíto ás persoas que o poidan precisar.

O servizo estará prestado por profesionais, que darán asistencia por teléfono ou ben a través de vídeo-chamadas por skype, en función das preferencias dos usuarios. As persoas que queiran facer uso deste servizo deberán contactar cos Servizos Sociais do Concello de Oia no teléfono 986.36.21.25.

Os veciños e veciñas que prefiran a modalidade de skype pero carezan dos dispositivos tecnolóxicos necesarios, deberán igualmente contactar co Concello para buscar a solución máis axeitada en cada caso. 

Máis información sobre as medidas adoptadas polo Concello en relación á COVID-19 no apartado de Novas e na sección dedicada o coronavirus da web municipal.