O Sergas está levando a cabo un cribado masivo en Oia

O Sergas está levando a cabo un cribado masivo no Concello de Oia. A intención é citar vía SMS a máis de 2000 veciños. Non obstante, de acordo co sucedido en cribados anteriores, se estima que un 30% dos citados non acudirá, ao tratarse dunha proba voluntaria.

Dende o Concello se anima á veciñanza a participar neste cribado, onde se lle fará a cada un dos notificados unha proba PCR. Este cribado ven a realizarse nun momento moi importante xa que coincide despois das celebracións de nadal e coa volta aos colexios.

Coas probas realizadas dende o Venres ata o domingo 10 de xaneiro, de acordo coa web da Xunta de Galicia, xa son 30 as persoas diagnosticadas positivas nos últimos 14 días, resultando unha incidencia acumulada de 984 por 100.000 habitantes, o que representa case o 1% da poboación.

De momento non houbo cambios nas restricións por concello, polo que seguen vixentes as actuais.

Visto os datos que se están obtendo do cribado e que aínda non están concluidos, pero que polo de agora amosan un incremento moi importante dos contaxios no noso Concello, algúns deles asintomáticos, se pide aos veciños/as que extremen as precaucións e sigan estritamente as recomendacións das autoridades sanitarias.