Oia estrea 3 novos roteiros de sendeirismo polos montes da Valga

Xunta e Concello cofinancian a actuación, que contou cun investimento de máis de 45.000 euros

A Xunta, a través de Turismo de Galicia, e o Concello de Oia veñen de crear tres roteiros de sendeirismo sinalizados, que suman case 20 km de lonxitude, pola contorna natural dos Montes da Valga. A actuación foi executada a través dun convenio entre ambas administracións e contou cun orzamento de 45.553 euros.

Desta cantidade total, o 65% (29.610 euros) foi sufragado polo executivo autonómico ao abeiro da orde de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas de 2020, mentres que o 35% restante (15.943 euros) foi asumido polo Concello. 

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, acompañou á delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e máis ao xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro, na visita institucional que este mércores realizaron á zona. Alí supervisaron os traballos de sinalización realizados, que supoñen unha actuación en preto de 20 km de sendeiros naturais polas zonas do Curro da Valga, os núcleos de Mabia e Acevedo e os muíños do Calán, na parroquia de Loureza.

Durante a visita, a representante autonómica valorou moi positivamente a dotación dun novo recurso turístico en Oia e destacou o “traballo transversal, constante e crecente” da Xunta para poñer en valor as potencialidades dos concellos galegos. Segundo engadiu, trátase de “aproveitar todas as posibilidades e sinerxías na xeración de riqueza que ten o turismo e sobre todo aquel configurado de xeito seguro, como o que ofrecemos en Galicia, que é un valor engadido nos tempos actuais”.

Pola súa banda, a alcaldesa lembrou a aposta do Concello polas actuacións destinadas a poñer en valor a riqueza patrimonial do municipio e, ao mesmo tempo, permitan a Oia converterse nun destino turístico preparado para ofertar ao visitante unha ampla variedade de recursos para o lecer na natureza e ao aire libre

Así mesmo, Cristina Correa quixo aproveitar a ocasión para trasladar o seu agradecemento á Comunidade de Montes de Loureza, e aos veciños Fernando Javier Costas Goberna (das asociacións Acamo e Costa dos Castros) e Manuel Ángel Pombal (de Anabam e Costa dos Castros), e Patricia Raña, polas achegas e colaboración no deseño dos trazados.

3 rutas que se combinan entre elas

A actuación pretende complementar a creación, o pasado ano, da Ruta do Mosteiro, que discorre pola zona da costa deste municipio e que tamén foi cofinanciada entre Turismo de Galicia e o Concello. Agora, a rede de sendeirismo deste termo municipal sigue a ampliarse cos novos percorridos polas súas terras altas.

Así, configuráronse tres sendeiros denominados Ruta do Curro da Valga (circular con 4,7 km de lonxitude), Ruta dos Muíños do Calán (6,5 km) e Ruta dos Montes de Loureza (7,8 km). Esta última serve de conexión entre os outros dous roteiros, de xeito que os usuarios poderán combinar os trazados e realizar un percorrido de maior lonxitude.

A ruta circular que conforma o perímetro das tres rutas permite realizar un recorrido de 16,1 km que atravesa zonas de bosque, brañas e regatos e permite gozar dunha paisaxe dominada pola montaña na que tamén é posible contemplar a desembocadura do río Miño.

Interese patrimonial e paisaxístico

Todos eles discorren por unha contorna de montaña onde abondan elementos patrimoniais de diverso tipo, tales como restos prehistóricos (mámoas ou petróglifos) conxuntos de valor arquitectónico ou etnográfico (Curro da Valga ou os Muíños do Calán) e espazos de gran interese paisaxístico e natural con zonas de miradoiro.

Os traballos para a creación das rutas dos Montes da Valga,  realizados pola empresa Sherpa Project, estiveron orientados principalmente á sinalización de sendeiros preexistentes. Consistiron na instalación de máis de 200 paneis, postes, placas, frechas de madeira, sinais de estrada e cubrecontedores.