Oia, unha das protagonistas da serie ‘Doc Way’

Dirixida pola galega Cristina Maró, a produción audiovisual mostra o patrimonio natural, cultural, local e social do Camiño

Oia é un dos concellos protagonistas da serie documental Doc Way, que inclúe un vídeo específico dedicado a dar a coñecer os principais atractivos patrimoniais e turísticos do concello. Paisaxes, miradoiros, rutas, natureza e patrimonio histórico aparecen ante o espectador a través de impresionantes planos aéreos, pero tamén desde o punto de vista do camiñante.

Doc Way, serie audiovisual dirixida e protagonizada pola galega Cristina Maró, é un proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia que pretende achegar ás persoas usuarias de internet as diferentes rutas do Camiño de Santiago. Con este obxectivo, Maró vai mostrando, xunto cos peregrinos que atopa ao seu paso, todo patrimonio natural, cultural, local e social en diversos puntos do Camiño Portugués, tanto no seu itinerario de interior como no Camiño pola Costa.

A serie, que xa se pode ver na páxina web www.docway.es, está composta por un total de 4 capítulos nos que se expoñen diversas experiencias xacobeas. Cada episodio céntrase nun aspecto concreto: patrimonio cultural, patrimonio local (a economía dos municipios por onde pasa a ruta xacobea), patrimonio natural e patrimonio social (a través dos testemuños de peregrinos de diversas partes do mundo).

Ademais destes 4 capítulos, o proxecto audiovisual inclúe una serie de vídeos específicos nos que se afonda nos recursos patrimoniais dalgunhas das localidades situadas no Camiño Portugués, entre elas Oia

Doc Way en Oia

No vídeo específico dedicado a Oia aparecen diversos tramos da costa atlántica e o Camiño de Santiago, o barrio histórico do Arrabal, o Mosteiro e a igrexa de Santa María de Oia. A Serra da Groba tamén ten un gran protagonismo, con localizacións como  curro da Valga e varios enclaves de valor natural, paisaxístico e arqueolóxico da Ruta Máxica.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, trasladou ao equipo de Doc Way os parabéns por este “excelente traballo”, no cal “se pode apreciar a beleza paisaxística e a riqueza patrimonial e cultural do noso concello, co Mosteiro de Oia como un dos monumentos máis importantes desde o punto de vista histórico do Camiño Portugués da Costa ata Santiago”. 

A serie completa de Doc Way e máis o vídeo específico dedicado a Oia están tamén dispoñibles na canle de youtube do Concello.