Situado na Serra da Groba, o concello de Oia caracterízase polos fortes contrastes entre os territorios de interior, onde domina a paisaxe de montaña, e as zonas de rochosa costa atlántica con zonas de cantís. Froito desta variedade paisaxística, o municipio alberga valiosos recursos naturais.

O MONTE

Un dos puntos onde mellor se pode captar a paisaxe de montaña das terras do interior de Oia é o Alto da Pedrada, na parroquia de Burgueira. Esta elevación, situada na Serra do Argallo e a 519 metros sobre o nivel do mar, permite divisar o río Miño e boa parte da comarca.

Outro enclave de especial interese natural é o das turbeiras da Valga, na parroquia de Loureza. Estas fráxiles pero importantes brañas, situadas nas proximidades do curro do mesmo nome, son un importante refuxio para anfibios.

As augas dos ríos e regatos que nacen nas partes altas da montaña debuxan os leitos fluviais, formando enclaves naturais de singular beleza como o río da Fervenza, e as pozas de Mougás, de Loureza e as da área recreativa do Pozo do Arco (Burgueira), na beira do río Tamuxe.

Unha das contornas naturais máis salientables do municipio, neste caso na zona máis próxima a costa, son as Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental de Europa. Situado en terreos de Viladesuso, no canón do río Broi, este conxunto é o primeiro Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) galego. Tamén forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Tamén preto do litoral, en montes de Pedornes, podemos atopar unha singularidade botánica: os fentos arbóreos dicksonia antarctica que crecen nas inmediacións do regato Vilar. Trátase dos únicos exemplares en estado silvestre coñecidos en Europa desta especie de orixe australiano e a súa presenza no Baixo Miño vincúlase á actividade dos monxes do Mosteiro de Oia no século XIX.

En canto á fauna, animal emblemático dos montes de Oia é o cabalo, que vive en liberdade en greas de individuos que se forman arredor dun macho. Na Serra da Groba existe unha boa representación de exemplares da raza autóctona de Galicia, o Cabalo de Pura Raza Galega.

O MAR E A COSTA

A franxa costeira de Oia ten unha lonxitude de 18 km e unha das súas principais características é a súa traza estreita e rectilínea. Trátase dun litoral moi exposto onde o mar bate con forza, escasean as zonas de area e as praias están formadas pola acumulación de seixos de contornas redondeadas pola acción da ondada.

O mar de Oia é coñecido polo seu marisco, especialmente polo percebe, a nécora e o ourizo de mar. Estas augas atlánticas son ricas en algas como o argazo, o carrapicho e o valorado xerez e nelas tamén se recolecta a mexilla (semente do mexillón) e se pesca polbo, pinto, sargo e robaliza, entre outras especies.

Fontes:

  • Asociación Costa dos Castros www.costadoscastros.com
  • Ferreira Rodríguez, N. Plan de Recuperación do Fento Arbóreo (Dicksonia antarctica, Labill. 1807) no Baixo Miño. Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM), 2012
  • Pérez Pintos, X; Bouzó Fernández X. (2017). A Serra da Groba. A formación da paisaxe. Tórculo.

Pin It on Pinterest