Persoal técnico do Xacobeo visita Oia para a sinalización do Camiño Portugués da Costa

O Concello de Oia recibiu este mércores a visita de persoal técnico do Xacobeo para avanzar na tan ansiada sinalización do Camiño Portugués da Costa.

Dende a súa oficialización, o pasado mes de abril coa aprobación polo parlamento de Galicia da Lei de Patrimonio Cultural, os concellos de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, se reuniran fai uns meses con Turismo da Xunta para colaborar neste cometido de gran importancia para a posta en valor deste camiño que conta cada vez con máis afluencia de peregrinos.

A Alcaldesa do Concello, Cristina Correa, acompañou aos técnicos do Xacobeo para revisar todo o percorrido e ver onde irían os 28 mojóns que ten solicitados, que se porán ao longo dos 18 km do Camiño Portugués que discorren por Oia.

Esta sinalización ten carácter provisional, xa que está pendente a delimitación definitiva por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, trámite que pode levar varios anos ata a súa aprobación final. Atendendo ao seu carácter provisional, dita sinalización consistirá en colocar mojóns polas zonas rurais, quedando pendentes os tramos urbanos.