Proxección do documental “Memorias de Oia” na Semana Cultural de Mougás

O documental en vídeo “Memorias de Oia”, que reúne testemuñas de persoas maiores do municipio nas que falan sobre as súas experiencias vitais, terá un segundo pase durante a Semana Cultural que organiza a Asociación de Veciños de Mougás.

Despois da súa estrea o pasado mes de novembro, durante a Semana Cultural de Pedornes, o próximo día 3 de xaneiro haberá unha segunda oportunidade para ver esta peza audiovisual que recolle a memoria viva de Oia. Será a partir de 18.40 horas no Centro Cultural de Mougás.

Elaborado por Samaín Producións, “Memorias de Oia” é unha compilación de vivencias e anécdotas coas que as persoas maiores de diversos lugares do municipio lembran e describen como era a vida en Oia nos seus anos mozos. Relatos sobre o traballo, dificultades na vida do día a día, festas e historias narradas polos seus propios protagonistas co obxectivo de revalorizar todo este patrimonio inmaterial e evitar que caia no esquecemento.

Para a súa realización, este proxecto contou cunha achega do Concello de Oia e máis cunha subvención da Xunta de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.

Poema musicado

O audiovisual irá precedido dun espectáculo arredor do poema “A nena Carmela”, composto pola veciña de Mougás Ángeles Fernández Trigo (Mari) e que unirá poesía, canción e música. Os encargados de por voz e música aos versos de Mari serán Sofía & Juanjo.

Este espectáculo de fusión do talento local a través da música, o canto e a poesía desenvolverase xusto antes da proxección de “Memorias de Oia”.