Suspendido temporalmente o servizo de recollida selectiva de téxtil

O servizo de recollida selectiva de material téxtil queda suspendido temporalmente a causa da situación provocada polo novo coronavirus COVID-19. Por tanto, os contedores específicos para roupa situados en distintos puntos do municipio serán precintados.

Así llo vén de comunicar ao Concello de Oia a entidade encargada do servicio: Humana, Fundación Pueblo para Pueblo, a cal indicou que esta medida temporal forma parte do plan que está a levar a cabo en varios municipios a fin de adaptarse “ao desfavorable contexto actual”.

A entidade trasladoulle ao Concello que o seu desexo foi “manter o servizo ata que as circunstancias o permitisen” pero que a súa capacidade de xestión do material é actualmente “moi limitada”. Por esta razón, afirma verse “na obriga de suspender de modo temporal” os labores, aínda que coa intención de retomalo en canto a situación así o posibilite.

A fundación garante que a actividade de recollida de téxtil en Oia se mantivo extremando as medidas de protección e prevención do persoal así como de protección á cidadanía, incorporando a desinfección de contedores e vehículos ás súas tarefas habituais. Agora, a raíz da suspensión do servizo, o persoal procederá a precintar os contedores de roupa e a colocar unha nota informativa para que a veciñanza evite depositar material.

Precaucións á hora de botar o lixo

O Concello quere aproveitar para lembrarlle á veciñanza que extreme as precaucións á hora de botar o lixo nos contedores de residuos sólidos e recollida selectiva de papel e envases. Cómpre facer uso de materiais de prevención (máscara e guantes) independentemente de que no seu fogar haxa ou non algunha persoa con COVID-19.

Máis información do Concello de Oia no apartado específico da web municipal sobre coronavirus, e tamén nas novas.

Pin It on Pinterest

Share This