Etiqueta: Patrimonio

Xornada de portas abertas no Mosteiro para os veciños de Oia

A xornada de portas abertas vai dirixida aos veciños de Oia, e terá lugar o 13 de abril, en horario de 11:00, 12:00, 16:00 e 17:00 horas.

Será necesaria previa reserva na oficina de turismo, en horario 10 a 17 h., de mércores a domingo (tfno.- 986 36 22 25). Prazas limitadas.

Así mesmo, a propiedade Residencial Mosteiro de Oia, anunciou a próxima apertura do Mosteiro ao público en xeral. As reservas para estas visitas se realizarán por teléfono ou a través da súa páxina web: www.monasteriodeoia.com.

“Conversas na Costa dos Castros”. Reflexións sobre o patrimonio en Oia

A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas abre o ciclo coa presentación do seu libro “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia” o próximo 23 de marzo

A Asociación Costa dos Castros bota a andar un novo proxecto divulgativo, neste caso un ciclo de charlas que, baixo o título “Conversas na Costa dos Castros”, aposta por achegar á veciñanza o coñecemento e o traballo que se está a facer arredor do patrimonio local. As conversas arrancarán o sábado 23 de marzo na Casa Cultural de Mougás, coa presentación do libro “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia” da antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas.

Baixo un formato de entrevista, que pretende un enfoque divulgativo dos temas a abordar, as “Conversas na Costa dos Castros” queren difundir e valorizar o traballo que se está a facer arredor do patrimonio local, dando a coñecer investigacións, achados e novos enfoques sobre cuestións como o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e o intanxible-inmaterial.

A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas será a encargada de abrir o ciclo. O próximo día 23 presentará o seu libro titulado “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia”, que recompila as sensibilidades de 16 persoas veciñas de Oia.

Traballo de campo

Esta publicación recolle os resultados do traballo de campo que a investigadora desenvolveu durante 2015 e 2016 en Oia, no marco dunha colaboración entre o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e o proxecto de arqueoloxía en comunidade de Costa dos Castros.

Así, plásmase o sentir dunha mostra da veciñanza, á que se lle pediu a súa opinión sobre que é o máis valioso de Oia, a súa visión persoal sobre o patrimonio, que elementos (tanto tanxibles como intanxibles) lles gustaría que se conservasen e que cousas cren que non se deberían perder.

O obxectivo desta publicación consiste en promover a reflexión sobre o significado do concepto “patrimonio” e, ao mesmo tempo, “poñer cara, corpo e palabra a esas persoas, tanto maiores coma novas e crianzas, que valoran o seu patrimonio, cóidano,  mantéñeno, protagonízano, víveno e rememórano”, segundo afirma a propia autora no libro.

A autora

Guadalupe Jiménez-Esquinas (Córdoba, 1984) é antropóloga, doutora internacional pola  Universidade do País Vasco (2018), mestrado en Estudos de Xénero (2010, CSIC-UIMP ), licenciada en Antropoloxía (UCM, 2009) e diplomada en Enfermería (UCO, 2005). Realizou a súa tese doutoral cunha bolsa Jae-Predoc no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e ten traballado como investigadora en antropoloxía vinculada ao proxecto internacional NEARCH (New Scenarios for a Community-Involved Archaeology, programa Culture da U.E.).

Na actualidade é profesora axudante doutora na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O seu traballo enmárcase nos estudos críticos do patrimonio e céntrase especialmente na análise feminista dos procesos de patrimonialización e transformacións na paisaxe, a poboación, a economía e as artesanías. Xunto ao seu grupo de investigación tamén está a desenvolver estudos sobre a participación social na xestión do patrimonio cultural. En 2017 recibiu o premio da USC á introdución da perspectiva de xénero na investigación. Ten publicado capítulos de libro e artigos en revistas como PH, Anthropology Today, Tourist Studies e Journal of Sustainable Tourism.

A publicación “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia” está dispoñible para descarga na seguinte ligazón:  https://digital.csic.es/handle/10261/169237