Un equipo de Oia que vai sobre rodas

Ciclismo Oiense presentou este domingo, nas inmediacións do mosteiro cisterciense de Oia, os distintos equipos  e a nova equipación que lucirá durante esta tempada 2019. A gran novidade deste ano son as incorporacións que confirman a presencia do club no calendario Élite/Sub-23 e Master, ademais das xa habituais participacións nas marchas cicloturistas.

O debut soñado de Ciclismo Oiense nesta gran categoría terá lugar na Clásica de Pascua, unha carreira que celebrará a súa edición número 57° en Padrón,  que puntuará para a Copa de Galicia de ciclismo en estrada e puntuará para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo.

Os corredores xa lucirán as novas cores de Oia na Challenge 4 Días de Ourense, onde participarán tamén varios corredores da categoría Máster, os cales xa participaron en dúas probas deportivas no que vai de ano.

Os cinco ciclistas que defenderán as cores de ciclismo Oiense na categoría Élite/Sub-23 son Aser Estévez (A Guarda), Rubén Goce (Oia), David Rosales (Pontevedra), David Vieites (Santiago de Compostela) e Cristian González (León).

Ciclismo Oiense lucirá nos seus maillots e promocionará o Camiño Portugués da Costa coa marca do Concello de Oia, por diferentes lugares do territorio galego, nacional e internacional.

Pin It on Pinterest

Share This