Volve a Oia o obradoiro de teatro veciñal, cun formato adaptado ás circunstancias da COVID

As sesións concentraranse no mes de setembro. O prazo de inscrición está aberto | As distintas pezas elaboradas no obradoiro representaranse no interior do Mosteiro de Oia

O obradoiro de teatro veciñal de Oia volve este ano cun formato adaptado ás circunstancias derivadas da COVID-19. Grupos reducidos e representacións en espazos onde se poidan delimitar os correspondentes aforos son algunhas das novidades que incorpora a iniciativa deste ano. Así, a representación das distintas pezas dramáticas elaboradas polas persoas participantes no obradoiro desenvolverase o 25 de setembro no interior do Mosteiro de Oia.

Co obxectivo de garantir a máximas medidas de seguridade no contexto actual de pandemia, o obradoiro incorporará unha serie de cambios respecto a edicións anteriores: celebraranse distintas sesións con grupos reducidos (en función das restricións en vigor en cada momento) e a formación e ensaios concentraranse os venres e sábados do mes de setembro (4-5, 11-12, 18-19 e 24-25) no Centro Sociocultural de Pedornes.

As persoas interesadas en participar no obradoiro de teatro deberán presentar unha solicitude no Rexistro do Concello de Oia. As prazas son limitadas e o prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 31 de agosto.

“6×6 Punto de encontro”

O obradoiro de teatro veciñal enmárcase no proxecto “6×6 Punto de encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores” organizado polo Concello de Oia e que forma parte do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Na edición deste 2021, que se desenvolverá baixo a coordinación de A Artística, as temáticas do obradoiro xirarán arredor da posta en valor do patrimonio local, o Camiño de Santiago e a visibilización das mulleres ao longo da historia.

A representación das pezas resultantes no obradoiro, en formato de visita dramatizada, terá lugar no interior do Mosteiro de Oia e o aforo será limitado. A xornada de representacións será o 25 de setembro, no marco das festas locais de San Cosme e San Damián. 

Ademais do obradoiro as representacións no Mosteiro, a programación cultural do proxecto 6×6 Punto de Encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores” incluirá, como actividade complementaria, un paseo con guía oficial polo barrio histórico, onde se darán a coñecer diferentes momentos da historia local protagonizados por mulleres.

Pin It on Pinterest

Share This