X Subida a Oia, arranca o Campionato de Galicia de montaña

Un ano máis chega ao noso Concello esta proba tan esperada polos afeccionados ao mundo do motor, un espectáculo que non te podes perder, e que supón abrir o Campionato de Galicia de Montaña nesta nova edición do 2017, e que se celebrará os vindeiros días 6 e 7 de maio, coincidindo coa celebración relixiosa de Santa Calumbra en Santa Comba.

O percorrido é único, deixando ao paso do ruído dos motores, un trazado de gran esixencia, que serpentea a montaña de Santa María de Oia, balcón do Atlántico, con curvas míticas como a do “chocolate”, e un final nunha paraxe inigualable. Unha curva esta do “chocolate” que ademais de representar un gran espectáculo, trae o seu nome do tradicional magosto do Colexio Mestre Manuel García, onde os alumnos van camiñando ata a Valga, e nesa curva tan esperada, se para a recuperar folgos cun vasiño de leite e galletas con chocolate.

Se presenta unha fin de semana ideal para relaxarse e descansar no noso Concello, e desfrutar do deporte, da adrenalina e como non, da gastronomía, do marisco e do bo viño.

Dende o Concello, queremos trasladar o noso agradecemento á Escudería Baixo Miño, polo gran traballo que realiza para sacar adiante esta proba, aos patrocinadores sen os cales sería imposible que se puidese levar a cabo, a tódolos amigos e amigas que colaboran poñendo o seu graniño de area, e a Comunidade de Montes de Santa María de Oia.

Estades todos e todas invitados para que visitedes o noso Concello para desfrutar desta gran proba, e que entre tod@s fagamos desta Subida a máis limpa, respetando o monte e o seu entorno.

…Empeza a conta atrás!!