A Asociación de Mulleres Rurais de Oia participa na actividade “Violencia Zero” da Deputación

Un grupo de mulleres de Burgueira e de Refoxos, participaron no programa da Deputación “Violencia Zero, coordinada pola actriz Cris Iglesias na Casa da Cultura de Burgueira. Así, nove mulleres participaron nesta acción na que alzaron as súas voces sobre temas que elas consideran importantes e foron escoitadas por un público entre o que se atopaba a deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa.

Como antesala a esta peza, a actriz Cris Iglesias sumouse a un dos encontros que estas mulleres realizan de xeito habitual para facer actividades e compartir experiencias. Alí reflexionaron sobre a súa forma de vida, moi ligada ao traballo no campo e aos coidados, e fixeron unhas pequenas prácticas teatrais que foron o xerme desta acción escénica na que se preguntaron onde están os privilexios e cales son as realidades das mulleres galegas.

As nove mulleres saíron á escena con cadanseu capacho con auga, un elemento que está moi relacionado co traballo no campo, pero que tamén serve como obxecto de descanso ao permitir poñer os pés a remollo nel tras as longas e arduas xornadas laborais ás que están acostumadas estas mulleres. Alí, nun entorno íntimo, reflexionaron sobre todas as tarefas que sistematicamente son encomendadas ás mulleres (coidados, labores do fogar…), sobre a violencia de xénero, basados nas experiencias que viviron ao longo das súas vidas. Falaron tamén do maltrato que se dá de xeito xeral entre os seres humanos e entre as persoas e o planeta e neste senso deron moita importancia ao coidado da contorna.

Pin It on Pinterest

Share This