A muller mais lonxeva de Oia, Carmen Álvarez, cumpre 103 anos

Carmen Álvarez Pérez, veciña da parroquia de Burgueira e a muller máis lonxeva do municipio, cumpriu hoxe 103 anos. Para felicitala en nome do Concello de Oia, a alcaldesa, Cristina Correa, e a tenente de alcalde, Carmen María Estévez, fixéronlle entrega dunha torta e aproveitaron para transmitirlle os seus mellores desexos.

A centenaria homenaxeada celebrou o seu aniversario na compañía dos seus achegados e seres queridos. Nesta data tan especial, a rexedora e a tenente de alcalde achegáronse a felicitala e transmitirlle os parabéns e agarimos en nome de todo o municipio.

Carmen Álvarez naceu o 17 de novembro de 1919 en Torroña, trasladándose a vivir a Burgueira cando casou con José, veciño coñecido por ser o carteiro nesta parroquia. Traballou toda a vida no campo, tivo 3 fillos e, segundo lembran na súa familia, foi unha muller de gran memoria: cando ía ata Comercial Blanco para facer a compra, levaba sempre a lista de memoria e, ademais, facía todos os cálculos mentalmente, sen ter que recorrer á axuda da calculadora.

Despois dunha existencia chea de traballo e esforzo, actualmente a ‘avoa de Oia’ supera o século de vida gozando do cariño da súa gran familia.

Pin It on Pinterest

Share This