A oficina de turismo de Oia acolle a proxección audiovisual “Os curros da Groba, entre liberdade e ritual”

A oficina de turismo de Oia, situada no barrio histórico do Arrabal, acolle a proxección do audiovisual “Os curros da Groba, entre liberdade e ritual”, que poderá visitarse de mércores a domingo durante os meses de xullo e agosto.

Nesta peza, os profesionais do audiovisual Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez -ambos afincados en Oia- presentan unha montaxe de imaxes e sons que foi creada a partir de fotografías das paisaxes da Serra da Groba e dos curros que se celebran neste territorio.

O traballo ofrece unha mirada emotiva que se centra nos cabalos autóctonos e no seu medio natural. Cun deseño sonoro e gravacións directas dos mesmos lugares onde transcorre a acción, esta proposta quere subliñar a conexión entre o ser humano, o seu entorno e as tradicións.

A obra narra o proceso ancestral da festa dos curros, recollendo a esencia deste ritual. A través de imaxes e sons explorase a fonda relación entre a natureza salvaxe e a cultura humana, destacando a beleza e maxestade da paisaxe da Serra da Groba.

O vídeo, dunha duración aproximada de 10 minutos, proxéctase de forma ininterrumpida durante o horario de apertura da oficina de turismo (de mércores a domingo de 10 a 14 horas), nunha sala acondicionada na primeira planta.

Paralelamente á proxección audiovisual, na planta baixa da oficina pódese visitar a exposición “Rizomas”, tamén obra de Ana Belén Jarrín. Neste caso, trátase dunha serie de fotografías creadas con capas superpostas de diferentes paisaxes.

Proxección audiovisual sobre a Serra da Groba: “Os curros da Groba, entre liberdade e ritual”

Curros da Valga, Mougás, Torroña e San Cibrán.

Exposición fotográfica “Rizomas”

Serie de fotografías creadas con capas superpostas de diferentes paisaxes.

Na oficina de turismo de Oia (Praza Centinela s/n)

Datas:  Do 03/07 ao 31/08

Horario: Aberto de mércores a domingo de 10 a 16h.

Pin It on Pinterest

Share This