A programación de Nadal enche Oia de actividades en familia

A programación de Nadal do Concello de Oia chega este sábado e, ao longo das vindeiras semanas, ofrecerá actividades para gozar en familia e prestando especial atención á rapazada. O tradicional concerto de panxoliñas, obradoiros de doces e manualidades en igualdade serán algunhas das propostas deste ano, que tamén incluirán a anhelada visita de Papá Noel e a Cabalgata de Reis.

A programación navideña arrancará o sábado 16 de decembro co concerto de panxoliñas da Coral Vagalume de Oia, que terá lugar ás 18h na igrexa parroquial de Viladesuso.

As actividades continuarán a seguinte fin de semana coa visita de Papá Noel a distintos puntos do concello para recoller as cartas dos nenos e nenas. O percorrido desenvolverase o domingo 24 de decembro e os cativos e cativas que entreguen a súa carta participarán nun sorteo de lotes de libros (as cartas deberán incluír a idade e datos de contacto).

Na súa visita a Oia, Papá Noel fará o seguinte percorrido: Mougás (10h), centro cultural de Viladesuso (11h), centro cultural de Pedornes (12h), Praza Centinela en Santa María de Oia (13h. En caso de choiva, trasladarase ao CEIP Mestre Manuel García), Escolas de Torroña (15.30h) e Praza de Loureza (16.30h. En caso de choiva trasladarase ás Escolas de Loureza).

Obradoiros infantís

A programación de Nadal tamén inclúe varios obradoiros pensando nos máis pequenos e pequenas da familia, unhas actividades de lecer que se desenvolverán en horario de mañá para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares. Para participar cómpre apuntarse previamente no rexistro do Concello. O prazo de inscrición para todos eles está aberto ata o 22 de decembro.

As escolas de Torroña acollerán o obradoiro de elaboración de galletas navideñas e bombóns o martes 26 de decembro. A actividade vai dirixida a nenos e nenas a partir dos 4 anos e desenvolverase en horario de 10 a 13h.

No mesmo lugar, o xoves 28 terá lugar a actividade de manualidades en igualdade “Coñece Oia con Cristina de Pizán”, a partir dos 4 anos. A través desta actividade, os e as participantes poderán coñecer a esta personaxe histórica, descubrir algúns elementos do patrimonio da contorna e facer diversos traballos manuais, todo elo en clave de igualdade (de 10 a 13h).

Por outra banda, no centro cultural de Viladesuso organizarase o “taller divertido de postres navideños”, actividade dirixida a nenos e nenas de  6 a 15 anos. Desenvolverase en colaboración coa Asociación de Veciños de Viladesuso o venres 29 de decembro en horario de 10 a 13h.

Cabalgata

Como colofón desta programación de Nadal o día 5 de xaneiro terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis. As súas Maxestades de Oriente chegarán a Oia xa pola mañá e pasarán toda a xornada percorrendo os distintos barrios e parroquias do municipio.

O itinerario comezará ás 11 horas na Portela e continuará por Mavia e Santa Comba (11.30h), Praza de Loureza (12.30h), Praza de Burgueira (13h) e a Praza de Torroña (13.30h) durante a mañá. Xa pola tarde, sairá da casa cultural de Viladesuso (15h) e continuará cara a cultural de Pedornes (15.30h) para dirixirse posteriormente á Baixada ao Mosteiro, onde os reis estarán acompañados da Rondalla de Mougás (16.15h). Desde alí a comitiva trasladarase á igrexa parroquial de Santa María de Oia, onde haberá canto de panxoliñas e terá lugar a entrega de premios das postais da catequese.

Posteriormente, as súas Maxestades serán agasalladas cunha recepción no CEIP Mestre Manuel García ás 17.15 horas, onde haberá agasallos, chocolatada e animación infantil. O fin de festa será na casa cultural de Mougás a partir das 19h.

Pin It on Pinterest

Share This